BALONMÁN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés medirase co Zuazo polo pase á fase final da Copa da Raíña 2024/2025
• Este mércores 29 de xaneiro ás 20:00 horas no polideportivo Lasesarre
• As de Ana Cristina Teixeira Seabra buscarán o pase á fase final da competición, que se celebrará entre o 14 e 16 de marzo en Granollers
Redacción Deportes / A Guarda
Este mércores 29 de xaneiro ás 20:00 horas no polideportivo Lasesarre, fogar do Balonmán Zuazo Feminino, as de Ana Cristina Teixeira Seabra loitarán por superar esta eliminatoria a partido único e asegurarse a súa participación na fase final da competición, que se celebrará os días 14, 15 e 16 de marzo en Granollers.
O Mecalia Atlético Guardés, exento ata o de agora da competición dada a súa clasificación na pasada Liga Guerreiras Iberdrola 2023/2024, medirase así ao equipo de Barakaldo, que puido vencer na primeira rolda a domicilio ao Ikasa Boadilla, de División de Honra Ouro, o pasado mes de outubro (21-24). Ambos os conxuntos xa se viron a cara na primeira volta desta tempada, no partido de terceira xornada ligueira en setembro na Sangriña, que se saldou cunha vitoria folgada a cargo das locais (30-20).
O Mecalia Atlético Guardés tratará de repetir a faena e aproveitar o impulso dos seus bos resultados na liga para asegurarse unha praza na última fase da Copa. Nos últimos 12 anos da competición, o Mecalia Atlético Guardés estivo presente en once fases finais e chegou a conseguir o subcampIonato na edición 2021/2022, pero levantar a Copa da Raíña é unha das contas pendentes para o equipo da Sangriña, e a extraordinaria tempada que está a vivir na competición nacional, desde logo, dá pé a soñar.
A pesares de todo iso, o persoal de Ana Cristina Texeira Seabra parte cun novo obstáculo, e é que de novo terá que soportar o peso das lesións. Nesta ocasión causará baixa Ania Ramos, quen sufriu un forte golpe no partido de Liga do pasado sábado en Xixón e prevé unha lesión seria nun dedo da man esquerda da que pronto coñeceremos máis detalles. A convocatoria non contará tampouco con ningunha xogadora xuvenil a modo de reforzo.
Pola súa banda, o Zuazo, un dos equipos ascendidos á primeira categoría esta tempada, sitúase actualmente como pechacancelas na clasificación ligueira, cun total de 13 derrotas e unha única vitoria na cuarta xornada. O conxunto de Barakaldo non terminou de atopar o seu lugar nesta primeira volta da tempada, aínda que non cabe dúbida de que o dará todo para loitar polo seu propio soño copeiro, valéndose para iso da súa condición de anfitrión no encontro deste mércores. O ano pasado, o de segunda fase foi precisamente o último partido da competición para o equipo vasco, ao caer ante o Costa do Sol Málaga, tamén na súa propia pista (19-33).
O gañador deste choque obterá o pase á fase final da competición, que terá lugar entre o 14 e o 16 de marzo no Palau d’Esports de Granollers.
Ana Cristina Teixeira Seabra: “Sabemos que é unha final”
A adestradora do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, coincide na importancia deste partido, do que indica que “sabemos que é unha final”. A técnica lembra que non hai que subestimar a ningún opoñente, e aínda que Zuazo “pode non estar tan ben clasificado na táboa” da liga, “vai pelexar con todo o que pode, porque ten a oportunidade de estar nunha gran competición”.
A partir de aí, segundo a preparadora do Mecalia Atlético Guardés, a clave estará en igualar as súas pretensións. “Temos que ter coidado e respecto, principalmente polo noso traballo”, continúa Seabra, “e pola vontade que seguramente ten Zuazo para conseguir gañar este partido”. Polo demais, non deixa dúbida en que as súas queren “moito” estar nesta competición e farán todo o posible por alcanzar ese desexado pase á fase final da Copa da Raíña.
AXENDA
XLVI Copa de S.M. A Raíña
Segunda fase
Balonmán Zuazo Feminino – Mecalia Atlético Guardés
Mércores, 29 de xaneiro ás 20:00 horas
Polideportivo Lasesarre (Barakaldo)
O encontro será retransmitido pola canle de YouTube do Balonmán Zuazo Feminino
Ningún comentario:
Publicar un comentario