12 de xan. de 2023

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ACOLLERÁ ESTE SÁBADO UN ACTO DE COMPROMISO DOS CONCELLOS PARA PROMOVER O USO DA LINGUA GALEGA NAS SÚAS RELACIÓNS COA XUSTIZA  

 Gobernos de todo signo político asinarán a ‘Declaración de Pontevedra’, un texto que busca superar a marxinación do galego nos usos xurídicos   




Infogauda / Pontevedra

A Deputación de Pontevedra, da man  da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación de Persoal Funcionario para a Normalización Lingüística e da Xunta de Galicia, realizará este sábado un acto no que reunirá a boa parte dos concellos da provincia, de todo signo político, para asinar a ‘Declaración de Pontevedra’, un manifesto no que as administracións locais se comprometen a promover o uso da lingua galega nas súas relacións coa xustiza. 

 Segundo subliña a deputada María Ortega, o departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra ten entre os seus obxectivos normalizar e promover o galego en todos os ámbitos da vida no país e “un dos sectores nos que consideramos é preciso aínda dar moitos pasos adiante á a galeguización xurídica dos concellos”.  

 A nacionalista defende que dende as administracións locais da provincia de Pontevedra, e nomeadamente dende o goberno provincial, é necesario promover a actividade xurídica municipal en galego superando a actual situación, na que o castelán é o idioma maioritario, principalmente porque o galego se viu arredado historicamente do mundo da xustiza e porque os servizos de asesoramento xurídico están externalizados na meirande parte dos concellos sen que haxa cláusulas que inclúan a obrigatoriedade do seu uso, “co fin de garantir a liberdade e a igualdade da cidadanía galegofalante”. 

 Por este motivo, e buscando “rachar coa situación e mover os marcos da lingua”, segundo di Ortega, a Deputación vén de citar aos concellos da provincia este sábado nun acto simbólico no que se pretende conmemorar tamén o 50 aniversario do I Congreso do Dereito Galego e asinar por parte das e dos alcaldes da provincia de Pontevedra unha declaración a prol da galeguización dos servizos xurídicos dos concellos, así como descubrir unha placa nun monolito nos xardíns da Deputación en lembranza de tan sinalado día.  

 No acto estarán presentes a presidenta Carmela Silva; a propia deputada de Lingua María Ortega; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Irmandade Xurídica, Xaquín Monteagudo; a maxistrada Paz Filgueira Paz; as avogadas Patricia Vilán e Ana Mosquera; así como o representante da asesoría xurídica do Concello de Pontevedra, Xavier Munaiz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario