13 de xan. de 2023

OIA

O Concello de Oia abrirá o luns, o prazo de inscrición para unha nova edición do obradoiro de teatro   

 Que comezará o 3 de febreiro e as sesións desenvolveranse cada venres no Centro Cultural de Pedornes en horario de 19.00 a 21.00 horas.




Infogauda / Oia

 O Concello de Oia pon en marcha unha nova edición do obradoiro de teatro veciñal. Ao igual que aconteceu nas anteriores convocatorias, as sesións serán impartidas por A Artística Teatro & Danza os venres en horario de tarde.  

 O obradoiro comezará o 3 de febreiro e as sesións desenvolveranse cada venres no Centro Cultural de Pedornes en horario de 19.00 a 21.00 horas. O obradoiro desenvolverase durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio e rematará a principios de xuño.  

 As persoas interesadas en participar poden apuntarse no rexistro do Concello desde o luns 16 ata o xoves 26 de xaneiro. A actividade é gratuíta e aberta a todas as idades, se ben é obrigatorio inscribirse pois as prazas son limitadas.  

6x6 Punto de Encontro  

 En cada unha das súas edicións, este obradoiro teatral reúne a varias decenas de veciñas e veciños de diversas as idades, as cales traballan durante varios meses na elaboración e interpretación de distintas pezas teatrais. Como actividade final, as creacións son representadas polo propio alumnado nunha visita dramatizada polo barrio do Arrabal.  

 Nesa xornada de representación, denominada 6x6 Punto de Encontro, as persoas usuarias do obradoiro veciñal actúan xunto con varias artistas convidadas, ofrecendo un espectáculo aberto ao público onde o patrimonio do barrio histórico oiense se convirte nun escenario de excepción no que gozar de distintas propostas artísticas (arte dramática, danza e movemento, música, poesía, etc.)  

 Nesta convocatoria do obradoiro de teatro de Oia correspondente ao ano 2023 prevese igualmente rematar o curso coa xornada festiva do 6x6 Punto de Encontro: un día para celebrar a creación artística, o patrimonio, a historia e as tradicións locais; pero tamén para fomentar o encontro, a convivencia e máis a participación veciñal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario