13 de xan. de 2023

O ROSAL

O Rosal di non á violencia de xénero  

 O salón de exposicións acolle unha mostra dirixida especialmente á mocidade para recoñecer, identificar e rexeitar condutas nocivas nas relacións afectivas  




Infogauda / O Rosal

 O Rosal continúa revolucionando as mentes da súa veciñanza, tamén dos máis mozos e mozas. O salón de exposicións acolle ata o vindeiro 19 de xaneiro a mostra ‘Á violencia de xénero dille non’, unha exposición gráfica ilustrada dirixida especialmente á mocidade coa que axudar a recoñecer, identificar e rexeitar condutas sexistas e nocivas nas súas relacións afectivas.  

 “Dende o Concello continuamos poñendo en marcha actividades coas que visibilizar e crear conciencia social para seguir loitando contra a violencia de xénero e parécenos que involucrar á mocidade é fundamental, porque son a sociedade do mañá, unha sociedade sen un ápice de machismo que debemos construír sobre piares como a igualdade, a liberdade, a tolerancia ou o respecto”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

 A exposición forma parte das actividades enmarcadas na Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, da que o Rosal forma parte e que foi posta en marcha a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia no marco do Acordo de colaboración asinado coa Federación galega de Municipios de Provincias de Galicia. O obxectivo desta rede é procurar un rexeitamento social e institucional da violencia de xénero, sensibilizando á poboación e buscando a súa implicación e compromiso real na súa loita, fomentando ao tempo modelos alternativos de convivencia baseados no respecto e na igualdade. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario