25 de xan. de 2023

O ROSAL

O Rosal, primeiro concello da Rede Ágora en aprobar a ordenanza de mobilidade amable e espazos públicos  

 O Concello levará esta nova normativa ao pleno que se celebrará este xoves 26 de xaneiro ás 20.30 horas  


Persoas de todas as idades, gozando da praza do Calvario
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal segue adaptando as súas rúas e prazas aos novos modelos de mobilidade, no que as persoas son a prioridade. Neste camiño, o Goberno municipal aprobará este xoves 26 en pleno a nova ordenanza reguladora da mobilidade amable e de espazos públicos, converténdose no primeiro municipio da Rede Ágora en aprobar unha normativa que “non regula unicamente o tráfico dos vehículos de motor, senón que toma como referencia o dereito das persoas ao espazo público e marca un novo esquema de prioridades no seu uso, no que a marcha a pé ocupa o primeiro lugar”, segundo explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  

 A aprobación desta normativa supón un paso máis do Concello rosaleiro no seu compromiso con levar a cabo políticas de recuperación dos espazos públicos e fomentar as mobilidades alternativas no municipio, incrementando o espazo reservado para as persoas e para os itinerarios peonís e ciclables. 

 “Esta ordenanza, que fai súa a filosofía da Rede Ágora, é a ferramenta que precisamos para acadar todos estes obxectivos”, recalca a rexedora. Esta nova ordenanza inclúe importantes novidades, como a definición do que é un peón ou peoa máis alá da condición de viandante; diferencia entre mobilidade peonil, mecanizada e motorizada; establece a prioridade dos usos peonís nos espazos públicos ou prohibe expresamente os comportamentos que busquen expulsar ás e aos peóns destes espazos de preferencia peonil, entre outros. 

 Deste xeito, este regulamento recolle os principios básicos da Rede Ágora, como son que o espazo público é un dereito, ao mesmo nivel que a sanidade ou a educación; que as persoas son a prioridade, antepoñendo a mobilidade peonil a outros modos de transporte; que se fomente a mobilidade inclusiva e a autonomía infantil, promovendo por exemplo a creación de camiños escolares seguros; dar prioridade ás mobilidades alternativas e á seguridade viaria creando espazos seguros coa posta en marcha de políticas de calmado do tráfico; fomentar un hábitat saudable, crear espazos amables e de calidade; potenciar a actividade económica de proximidade e fomentar a mobilidade sostible, especialmente ante a actual crise climática. 

 O Concello celebrará esta primeira sesión plenaria do ano este xoves 26 a partir das 20.30 horas no salón de plenos da Casa Consistorial. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario