25 de xan. de 2023

A GUARDA

O Concello de A Guarda comunica que xa concluíu a reconstrución da porta Norte do poboado do monte Santa Trega  

A actuación enmárcase no proxecto Trega 2020+5, liderado polo CSIC a través do Instituto de Historia, en colaboración co Concello de A Guarda.   


Impoñente aspecto que ofrece desde mediados do pasado mes de decembro, a porta Norte do poboado castrexo, vista desde o exterior do recinto fortificado
O alcalde Antonio Lomba Baz e o arqueólogo Miguel Ángel López Marcos, comprobando in situ o traballo realizado na porta Norte


Infogauda / A Guarda

 No día de hoxe, o Concello de A Guarda fixo público que a empresa Terra Arqueos rematou os traballos arqueolóxicos realizados dende decembro na entrada norte do poboado Calvo, no castro do monte Santa Trega, que consistiron na reconstrución do devandito acceso, coñecido como porta Norte, devolvendo o mega-lintel a súa probable ubicación primixenia, feito do que cal xa informamos oportunamente neste xornal dixital transfronteirizo, o pasado día 16 de decembro de 2022.

 “Son os primeiros traballos nos que se realiza a reconstrución completa da porta dunha vila castrexa. A partir de agora o visitante ten unha imaxe moi aproximada de como era o acceso aos castros na Idade do Ferro”, explica Brais Xosé Currás Refojos, investigador do Instituto de Historia do CSIC.  


En primeiro plano, o mega-lintel tal e como fora atopado nas excavacións arqueolóxicas realizadas fai máis dun século. Nun segundo plano, as xambas que foron colocadas para sustentar o mega-lintel

 A porta Norte foi escavada entre os anos 1910 e 1920 pola Sociedad Pro-Monte Santa Tecla co asesoramento do arqueólogo Ignacio Calvo y Sánchez. Anos máis tarde, o arqueólogo Cayetano de Mergelina y Luna documentou planimétricamente ese sector do xacemento arqueolóxico do monte Santa Trega.  

 A importancia dos traballos realizados na porta Norte, radica en que, por primeira vez, o visitante ten unha imaxe moi aproximada de como era o acceso aos castros na Idade do Ferro.  


Vista deica o río Miño desde o interior do poboado Calvo, no monte Santa Trega


 A actuación correu a cargo de persoal especializado da empresa Terra Arqueos, baixo a dirección de Miguel Ángel López Marcos, un restaurador de gran prestixio con ampla experiencia neste tipo de actuacións. Forma parte do proxecto Trega 2020+5, que se basea na colaboración entre o grupo de investigación Estrutura Social e Territorio – Arqueoloxía da Paisaxe (EST-AP) do Instituto de Historia do CSIC e o Concello de A Guarda, e ten como obxectivo desenvolver o potencial patrimonial, social, cultural e científico do Castro do Trega mediante unha actuación integral.  

 Este proxecto desenvólvese arredor de tres eixos: recuperar e consolidar os sectores do castro escavados entre 1910 e 1930; manter de forma sostible no tempo o conxunto de estruturas escavadas e expostas ao público; e investigar e afondar no coñecemento arqueolóxico do Trega co fin de crear novos contidos para a difusión e a posta en valor do patrimonio.  

 O proxecto Trega 2020+5 foi impulsado polo Concello de A Guarda, e contou co apoio económico do Padroado Municipal Monte Santa Trega e coa colaboración das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común das parroquias de A Guarda e de Camposancos, respctivamente. Esta primeira campaña conta cun financiamento de 23.691 euros aportado exclusivamente polo devandito Padroado.  

 “Esta actuación contribuirá á posta en valor patrimonial do castro de Santa Trega como parte dunha estratexia que aposta pola posta en valor do seu valor como recurso cultural e turístico, e tamén pola súa relevancia científica no estudo das sociedades castrexas”, destaca. Antonio Lomba Baz, alcalde do Concello de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario