30 de xan. de 2023

DEPORTES

 ATLETISMO

TRES TÍTULOS AUTONÓMICOS, PARA A SOCIEDADE ATLÉTICA DO TREGA

 No Campionato de Galicia de menores, de campo a través federado


No centro do podio, Álex Sierpes Pereira, que se impuxo na categoría Sub-16 masculino

Sociedade Atlética do Trega

 Cunha mañá fría e xeada, a área recreativa do parque da Veronza, en Ribadavia, a capital da comarca do Ribeiro (Ourense), foi o pasado sábado día 28 de xaneiro, o epicentro do cros, acollendo 3 campionatos nun. 

 A xornada de mañá arrancou coa celebración das probas das categorías de base (Sub-10, Sub-12, Sub-14) o 26 memorial Alejandro Lorenzo. Posteriormente coa celebración dos Campionatos de Galicia das categorías Sub-16 e Sub-18 de ambos os dous sexos. E xa pola tarde, co peche dos Campionatos Galegos nas categorías Máster. 

 Por estes campionatos desagregados participaron máis de 1.300 atletas onde figuran os mellores especialistas do campo a través de todos os recunchos da Comunidade Galega. 

 O noso club levou unha gran representación de atletas que se deixaron ver en case todas as categorías. 

 O máis destacable foron as tres medallas de ouro que se conseguiron para o Baixo Miño. 


No centro do podio, Nadia Coello Bascoy, medalla de ouro na categoría Sub-10 feminino

 A primeira alegría da mañá foi a actuación da nosa novísima atleta guardesa Nadia Coello Bascoy, na categoría Sub-10 feminino que percorreu unha distancia de 800 metros aprox., e impúxose ao sprint na última rampla encarando a meta, proclamándose vencedora da proba, logrando o Campionato Autonómico. 


No centro do podio, Sergio Silva Couto, medalla de ourio na categoría alevín masculino

 O segundo triunfo tróuxonolo o tomiñés Sergio Silva Couto, da categoría alevín masculino, que percorreu unha distancia de 1.300 metros aprox., dando dúas voltas pequenas ao circuíto, saíndo ben colocado, esperando o seu momento para meter o broche de ouro, como fixo a súa compañeira  Nadia. O último sprint a toda velocidade, subindo esa costa entrando a lume de biqueira en liña de meta, en primeira posición, conseguindo así a súa primeira presa autonómica. 

 A terceira e última medalla de ouro pechando este capítulo, foi a cargo do guardés Álex Sierpes Pereira, que se impuxo na categoría Sub-16 masculino, percorrendo unha distancia de 4.000 metros ao máis puro estilo Abebe Bikila. 


Álex Sierpes Pereira correndo co pe dereito descalzo

 Na  primeira parte da volta, a Álex saíselle a zapatilla de cravos chegando a deterse durante o desenvolvemento da proba para tentar encaixala  e seguir a súa marcha - aproveitando que lideraba en solitario a cabeza de carreira -  onde pouco despois de iniciar a marcha perdeuna, polo que tivo que encarar máis de 3.000 metros descalzo. Aínda así o noso talentoso atleta non lle deu ningunha tregua ao segundo clasificado, quedando este incidente como historia para o recordo da súa traxectoria. Sierpes a pesar de todo, entrou en meta en solitario, proclamándose, unha vez máis, campión galego Sub-16, pechando así un ciclo no cadro de gañadores autonómicos federados, quedando o seu nome escrito en todas as categorías de base desde Sub-10, Sub-12, Sub-14, e Sub-16, onde un ano tras outro, segue crecendo a súa proxección como atleta, superándose a si mesmo, tempada tras tempada. 

 Moitas felicidades a todos os pupilos de Javier Sierpes Silva e de Patricia Pereira Guisantes!

Ningún comentario:

Publicar un comentario