24 de xan. de 2023

A GUARDA

Piueiro volve as súas orixes coa sede cedida pola Confraría de Pescadores de A Guarda   

A asociación cultural guardesa de embarcacións tradicionais celebrou a inauguración do local coa presentación do libro “Atlántico Norte, chamádeme Ismael”, de Xosé Iglesias, e a actuación do gaiteiro Xurxo Vicente 

  

A inauguración da sede contou coa participación do escritor Xosé Iglesias (no centro da imaxe)
A inauguración da nova sede de Piueiro congregou a representantes municipais e persoas vencelladas ao movemento asociativo de A Guarda


Mar Bermúdez / A Guarda

“Aquí estamos, dándolle unha nova vida onde empezou todo, a Confraría de Pescadores da Guarda”.  Joaquín Cadilla Castro, presidente de Piueiro, mostrouse agradecido e emocionado na inauguración da nova sede da Asociación de Embarcacións Tradicionais da Guarda, cedida pola Confraría de Pescadores, que se atopa situada no edificio do Pescador o que, sinalou, significa unha “marabillosa volta ás orixes”. Un porto refuxio  para manter unha actividade cultural tan a proba de tempestades que se alimenta delas igual que da calma. 

 Neste regreso ao  fogar tivo moito que ver o novo patrón maior do pósito de A Guarda, Rubén Adrover Álvarez, quen acolleu con entusiasmo a petición de Piueiro e defendeuna ante a súa xunta directiva. Así, na tardiña do sábado foi un dos participantes reseñables na festa cultural coa que se procedeu á reapertura do local. 

 

Xurxo Vicente, Rubén Adrover, Xosé Iglesias e Joaquín Cadilla

 O escritor Xosé Iglesias Lamela e o gaiteiro Xurxo Vicente Ameal foron dous dos protagonistas do evento, no que o primeiro presentou o seu libro “Atlántico Norte, chamádeme Ismael” e o segundo puxo a banda sonora á celebración cun animado repertorio. Iglesias Lamela, orixinario da Costa da Morte, é capitán de pesca, e das súas horas de soidade na ponte do seu pequeno pesqueiro saíron  tres poemarios: “Transfusión Oceánica”, “A Relixión do Mar” e “Atlántico Norte, chamádeme Ismael”. O autor leu varios poemas da súa última obra, versos arrolados ou zarandeados polo mar, que lonxe de convertelos en papel mollado convérteos en eco do seu rico ecosistema. 

 Coa apertura da súa nova sede, Piueiro ve realizado un soño, o de seguir crecendo e ampliar as accións de divulgación da cultura mariñeira, unha forma de vida que no seu día conquistou aos seus membros e que hoxe tentan contaxiar a mozos e maiores. Estas instalacións, situadas no número 21 de rúa Concepción Arenal, permitiranlles organizar cursos, talleres, presentacións de libros e conversacións que trasladen de forma oral todo o saber e o sentir mariñeiro.  O que se escoita séntese doutra maneira e todos os sentidos cobran sentido.  

 O 2023 preséntase para Piueiro repleto de actividades, moitas delas centradas nos colexios  a través de talleres, charlas,... Pero, a partir de agora, coa seguridade que outorga dispoñer dun porto refuxio preto do mar ao que regresar tras cada singradura cultural ou ao que involucrar en todas elas. Ditosos os que teñen un fogar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario