24 de xan. de 2023

A GUARDA

A Guarda inaugurará oficialmente o pavillón municipal da Sangriña  

O sábado 28 de xaneiro ás 19:00 horas



Pavillón deportivo municipal de A Sangriña
Fotos: Santiago Baz Lomba


Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda vai realizar o vindeiro sábado día 28 de xaneiro ás 19:00h a inauguración oficial das obras de reforma e ampliación realizadas no pavillón deportivo municipal da Sangriña, nun acto especial que estará dirixido pola comunicadora guardesa Beti Rey Ferreira.  



 

   Dende o Concello de A Guarda convídan a toda a cidadanía a participar nese acto, que contará con varias actuacións da Escola de Danza Attitude e da Escola de Danza Dansá, e, por primeira vez na Guarda, contarase coa compañía de performances de Pablo Méndez.  

 O proxecto da reforma e ampliación do pavillón da Sangriña tivo un custe duns 1.870.000 euros. Esta obra permitiu modernizar todas as instalacións, que contemplan: unha nova fachada; nova cuberta; nova grada de fondo; a creación dunha planta superior para a circulación de espectadores e acceso seguro ás gradas; unha zona de espectadores en cadeiras de rodas nesa planta superior; un ascensor; a renovación dos vestiarios (catro vestiarios xerais, un vestiario accesible, un vestiario para árbitros; dous núcleos xerais de aseos e tres aseos accesibles); un espazo de enfermería; un espazo para control antidopaxe; unha área de prensa; novas zonas de paso inferiores; e almacéns, etc. Ademais inclúese unha importante mellora na accesibilidade, na seguridade e na eficiencia enerxética do edificio. Tamén se aumenta o aforo nun 48%, ata 700 persoas sentadas. 

 Non cabe dúbida que o pavillón da Sangriña precisaba desta reforma. A execución desta obra representa unha gran oportunidade para A Guarda e un gran paso na mellora das súas infraestruturas deportivas, afirman desde o Goberno municipal. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario