6 de xan. de 2023

A GUARDA

Máis dun milleiro de nenas e nenos participaron na recepción dos Reis Magos, na Casa dos Alonso

A visita de Melchor, Gaspar e Baltasar, á vila de A Guarda, arrancou cun percorrido previo en vehículos clásicos, polas parroquias,  e unha colorista Cabalgata de Reis polas rúas da vila


Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, cos seus paxes e carteiros reais, xunto co alcalde e membros da Corporación Municipal de A Guarda, nun momento da recepción as nenas e nenos na Casa dos Alonso

Reportaxe fotográfica: C.A.G.

Infogauda / A Guarda 

 O Concello de A Guarda rematou na noitiña de onte a programación de actividades do nadal coa visita dos Reis Magos á vila.  

 Logo de seren recibidos polo alcalde e membros da corporación municipal de A Guarda, sobre ás 16:30h, as Súas Maxestades os Reis Megos de Oriente saíron en caravana dende a praza do Reló en vehículos clásicos, para visitar as diferentes parroquias e os barrios da localidade, coma O Castro, A Gándara, O Coruto, Camposancos, etc. Foron moitos os veciños que saíron das súas casas para recibir a Melchor, Gaspar e Baltasar, e saudalos ao seu paso. 









 Ao remate deste percorrido, as Súas Maxestades de Oriente achegáronse ata a Alameda, onde ás 18:00h arrancou a animada e colorista Cabalgata de Reis, acompañada polo Grupo de Gaitas do Clube da Terceira Idade, Studio88, Do Lusco ó Fusco, Xamaraina e o Grupo Dansá.  

 Milleiros de persoas acompañaron aos Reis Magos de Oriente ao longo do percorrido entre a rúa Rosalía de Castro e a praza do Reló, onde se repartiron milleiros de lambiscadas para nenos e nenas.  

 

Melchor, Gaspar e Baltasar, acompañados dos seus respectivos paxes reais, recibindo os aloumiños dos picariños de A Guarda e súa contorna

 Ao chegar á praza do Reló realizouse a tradicional recepción ás nenas e nenos na Casa dos Alonso, que foi multitudinaria, xa que participaron - segundo fontes oficiais - preto dun milleiro de nenos e nenas e que se estendeu ata case ás 21:00h., momento no que os Reis Magos fixeron un breve receso, para a continuación comezar a levar a bo termo toda súa loxística no reparto de agasallos en todos os fogares, labor que de acordo con todas as referencias verbais as que tivemos acceso, foi todo un éxito, especialmente pola excelente climatoloxía rexistrada ao longo da xornada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario