As autoridades valoran os desperfectos provocados polas intensas choivas e o forte temporal, a noite de fin de ano
• A subdelegada do Goberno, Maica Larriba e o xefe provincial de Costas, Miguel García, desprazánronse ata A Guarda para coñecelos in situ, en compañía do alcalde, Antonio Lomba
• O alcalde da Guarda reclama a axuda de Costas do Estado e da Xunta de Galicia para realizar con urxencia as actuacións necesarias que permitan recobrar a normalidade no litoral do esteiro do Miño.
Infogauda / A Guarda
As fortes choivas e o temporal que se produciron na madrugada do día 1 de xaneiro de 2023 provocaron no Baixo Miño, importantes inundacións de fincas e viais así como violentas escorrentías de auga con arrastre de materiais que nalgunhas zonas produciron erosións moi destrutivas. Os derrubes que se produciron foron nalgúns casos moi graves e requiren unha reparación inmediata pola perigosidade que representan e porque de non actuar con celeridade pode continuar o seu deterioro.
Dada a gravidade da situación o alcalde do Concello de A Guarda, Antonio Lomba, mantivo contactos, o mesmo día 1 de xaneiro, coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, co xefe de Costas de Pontevedra e co xefe territorial de Medio Ambiente, da Xunta de Galicia. O rexedor trasladoulle as autoridades a situación que se estaba a producir por causa das escorrentías no litoral do esteiro.
O luns día 2 o alcalde remitíu a Costas do Estado, en Pontevedra e a Xefatura Territorial de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, un informe no que se recollían as principais incidencias que se produciran na localidade. Ese informe foi acompañado dunha solicitude de axuda e colaboración para reparar os danos provocados polas choivas e escorrentías. Os principais sinistros que se referían no informe eran: o colapso da pista entre A Armona e O Codesal, a altura da Noria; o colapso da zona de acceso a praia do Forte, e a erosión producida na contorna do colector de desaugue de pluviais na praia do Forte.
O mesmo luns día 2, a petición do alcalde, a subdelegada do Goberno, Maica Larriba e o xefe provincial de Costas, Miguel García, desprazáronse ata A Guarda para valorar in situ os desperfectos provocados polas intensas choivas e o forte temporal de vento.
A incidencia máis grave foi a que provocou o colapso da pista entre A Armona e O Codesal. Ese vial quedou totalmente cortado por unha fenda transversal que ocupa unha superficie que supera os 300 m2, cunha profundidade de máis de 3 m, e con aproximadamente 12 m na súa parte máis ancha. Esta fenda provocou, a rotura do colector principal da EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) de A Guarda e dificulta o acceso a dúas vivendas que se atopan a súa beira. O concello estivo durante o luns facendo unha reparación de urxencia do colector para restablecer a condución de fecais para a depuradora.
O alcalde trasladou ás autoridades, como xa fixera por escrito, a urxencia das actuacións necesarias que permitan recobrar a normalidade no litoral do esteiro. Sobre todo a reparación da pista na zona do Codesal, dado o perigo que representa, o quebranto para os veciños que teñen alí as súas vivendas e porque de producirse máis choivas podería agravarse a situación incluso provocar a caída de árbores de gran porte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario