16 de dec. de 2022

A GUARDA

A PORTA NORTE DO POBOADO CASTREXO DO MONTE SANTA TREGA RECUPEROU SEU ANTIGO ESPLENDOR 

Os traballos consistiron na reconstrución da muralla e a restitución do lintel que se atopaba caído “in situ” xusto ao pe da porta 


Vista da porta norte do poboado castrexo - sector Calvo- do Monte Santa Trega
Fotos: Miguel Reboredo Otero



Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda 

 Ainda que implicou unha grande complexidade técnica, a reconstrución da porta norte do poboado castrexo do Monte Santa Trega xa é unha realidade. Os traballos - que comezaron o día 29 de novembro deste ano e veñen de rematar recentemente - consistiron na reconstrución da muralla e a restitución do lintel que se atopaba caído “in situ” xusto ao pe da porta. 

 Esta actuación - que contou coa preceptiva autorización de Patrimonio, da Xunta de Galicia -  foi levada a cabo por persoal da empresa Terra Arqueos, S.L., de Ourense, que conta cunha longa experiencia en restauracións e consolidacións de castros, baixo a dirección de Miguel Ángel López Marcos, restaurador de gran prestixio internacional que ten dirixido proxectos como a reconstrución dos colosos de Memmón, no Exipto. 

 A devandita actuación - por certo longamente ansiada dende fai varios anos - contribuirá á valorización  patrimonial do castro do Monte Santa Trega como parte dunha estratexia que aposta por potenciar o seu valor como recurso cultural e turístico, e tamén pola súa relevancia científica no estudo das sociedades castrexas.  

 Dese xeito, o Proxecto Trega 2020+5  elaborado entre  concello de A Guarda e o Instituto de Historia, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas  (CSIC) - arrancou coa súa primeira actuación, focalizada no poboado Calvo, denominado así pola Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, en recoñecemento ao arqueólogo Ignacio Calvo y Sánchez, que dirixiu as primeiras excavacións nese sector do Monte Santa Trega.  

 Ignacio Calvo é autor, entre outras, das seguintes obras: Monte de Santa Tecla. La Guardia (Pontevedra). Exploraciones arqueológicas verificadas en los años 1914 a 1920, Madrid, Revista de Archivos, 1920; e Monte de Santa Tecla en Galicia: memoria acerca de los trabajos realizados en 1922-23, Madrid: Tipografía da "Revista de Archiveros, Bibliógrafos y Museos", 1924. 

 Desde o Concello de A Guarda e o CSIC confíase en que este investimento impulse moitas outras actuacións nun dos maiores xacementos castrexos de todo o noroeste peninsular e todo un símbolo da cultura dos castros. 

 Proxecto Trega 2020+5 trata de desenvolver o potencial patrimonial, social, cultural e científico do castro do Monte Santa Trega a través dunha actuación  integral. Así este proxecto desenvólvese  en torno a tres eixos: recuperar e consolidar os sectores do castro escavados entre 1910 e 1930; manter de forma sostida no tempo o conxunto das estruturas escavadas no castro e expostas ao público; e investigar e afondar no coñecemento arqueolóxico do Trega coa finalidade de crear novos contidos destinados á divulgación e ao incremento da valorización do patrimonio.  

 O proxecto, que  conta co respaldo  financeiro  do Padroado Municipal Monte Santa Trega e a autorización das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de A Guarda e de Camposancos, respectivamente, parte da iniciativa do alcalde da localidade e presidente do Padroado, Antonio Lomba Baz. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario