2 de dec. de 2022

OIA

O Concello de Oia adquire unha parcela para ampliar e mellorar a Praza do Campo en Burgueira  

 No lugar crearase un espazo de recreo e ocio para a veciñanza 

 

A alcaldesa do concello de Oia nunha visita a Praza do Campo, en Burgueira

Foto: C.O.


Infogauda / Oia

 O Concello de Oia vén de adquirir un terreo ao carón da Praza do Campo, na parroquia de Burgueira, co obxectivo de ampliar este espazo de uso público e dotalo de novos equipamentos a disposición da veciñanza.  

 Esta actuación, xunto coas actuais obras de acondicionamento que se están a desenvolver polo Concello na Praza do Campo, permitirá recuperar o valor arquitectónico da praza e a súa contorna, así como mellorar o campo visual cara a igrexa parroquial de San Pedro de Burgueira.   

 A parcela mercada ten unha superficie de 1.656 metros cadrados e contén un hórreo e dúas edificacións antigas con engadidos modernos que desvirtúan a contorna. O futuro proxecto de reforma contemplará a recuperación ao estado orixinal destas pequenas construcións para dedicalas a un espazo pechado con usos para a comunidade e unha zona de lecer ao aire libre.  

 A adquisición do terreo foi financiada a través dunha achega municipal de 6.891 euros e máis 48.366 euros de fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra (anualidade de 2021 e correspondentes á liña 1, investimentos).   

 Coa adquisición deste terreo o Concello segue a dar pasos para ampliar espazos de reunión da veciñanza. No mes de xaneiro rematarán as obras de acondicionamento da Praza do Campo consistentes na mellora do pavimento, instalación de novas luminarias e posta en valor do cruceiro co soterramento das liñas de electricidade, telefonía e alumeado público. 

 A actuación tamén creará espazos de vexetación e sombra, grazas a instalación dunha pérgola, e instalará bancos de pedra e diverso mobiliario.   A transformación da praza e da contorna estase a facer baixo o asesoramento da arquitecta e paisaxista María Fandiño Iglesias.   

 Por outra parte, en canto dispoña dos permisos necesarios, o Concello acometerá a demolición da construción formada por bloques que se ve dende a praza, a cal está situada sobre a parcela recentemente adquirida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario