A Xunta de Galicia premia á coruñesa Fernanda Rodíguez Miguélez na especialidade de Arte Urbana do programa Xuventude Crea
En segundo lugar quedou Elvira López Rodríguez, de Ribadeo, mentres o terceiro galardón foi para Andrea Otero Vázquez, natural de Ribadavia
Infogauda / Santiago de Compostela
A Xunta de Galicia deu a coñecer ás gañadoras na especialidade de Arte Urbana do programa Xuventude Crea 2022, cuxa fase final se celebrou o pasado mes de novembro en Vigo. A vencedora foi Fernanda Rodríguez Miguélez, da Coruña, pola súa creación ‘Susi de ghato’.
Elvira López Rodríguez, nun momento de labor na súa proposta titulada ‘Egos’
En segundo lugar quedou Elvira López Rodríguez, natural de Ribadeo, cunha proposta titulada ‘Egos’. E o terceiro posto recaeu en Andrea Otero Vázquez, de Ribadavia, coa obra titulada ‘Inés e Anís’. A gañadora recibirá unha gratificación de 3000 euros; 1500 a segunda clasificada e 1000 a que quedou en terceira posición. En total, chegaron a esta fase final cinco mozos e mozas que presentaron as súas obras ao xurado.
350 artistas e 280 obras
Máis de 4000 mozas e mozos de entre 16 e 30 anos participaron nas trece edicións que se levan celebradas do Xuventude Crea, que acumula preto de 3.000 proxectos creativos e obras presentadas. Na edición deste ano 2022 concorren un total de 350 artistas con 280 obras que, de novo, contarán con apoio por parte da Xunta de Galicia para dar a coñecer as súas creacións. Todas aquelas premiadas ao longo dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recen estreado: www.museoxuventudecrea.gal
As disciplinas que se premian nesta edición son: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprende as modalidades de pintura e escultura). Cómpre destacar, como novidade neste 2022, o cambio de nome de graffiti a arte urbana para dar cabida ás diferentes expresións neste ámbito, así como a inclusión da modalidade de música clásica dentro de música.



Ningún comentario:
Publicar un comentario