A oposición guardesa bloquea unha subvención dos fondos Next Generation EU para a dinamización do comercio local
• Así o vén de afirmar o Goberno municipal presidido polo alcalde Antonio Lomba Baz
• A maioría da corporación municipal de A Guarda non apoia un investimento por valor de 140.571 euros, subvencionado nun 85%, para un proxecto de mellora da competitividade do comercio local.
Infogauda / A Guarda
O Goberno municipal que preside o alcalde AntonIo Lomba Baz, vén de facer público no día de hoxe, martes 13 de decembro de 2022, que “no último pleno celebrado na Guarda os votos en contra do PP e CG e a abstención do BNG impediron que saíra adiante a aprobación dun convenio entre a Deputación de Pontevedra e o concello denominado “Commerce Inside”. Este convenio tiña como principal obxectivo a dinamización e potenciación do comercio de proximidade en zonas turísticas, favorecendo o desenvolvemento de mecanismos para situar a actividade do comercio local de maneira eficiente no territorio mellorando a súa competitividade.
Este proxecto, financiado con fondos Next Generation EU en liña co plan de Recuperación Transformación e Resiliencia (PRTR), foi deseñado para actuar no comercio de proximidade por ser un dos sectores estratéxicos en moitas vilas da provincia de Pontevedra que, en tempos de pandemia e confinamento, sufriron importantes restricións, o que lles provocou perdidas económicas irrecuperables a moitos deles.
O orzamento total do proxecto ascendía a 1.327.793 euros distribuído entre 10 concellos da provincia. No caso da Guarda a sinatura do convenio significaba a execución dun proxecto local valorado en 140.571 €. Comprometendo ao concello a unha achega dun 15 % do financiamento, 17.426 euros, a Deputación a achega doutro 15% mais o IVA de todo o investimento, 41.823 euros, mentres que o Ministerio de Industria Comercio e Turismo aportaba o 70 % restante, cantidade que ascendía a 81.322 euros. Isto quere dicir que non apoiar este convenio equivale a renunciar a 123.145 euros de subvención que se investirían directamente en interese do comercio local.
Entre outros o “Commerce Inside” contemplaba: investimentos na vía pública con a instalación de totems interactivos para ofrecer información sobre comercios e turismo; creación de areas de descanso próximas ás áreas comerciais con asentos iluminados e cargadores solares. Dixitalización do sector comercial coa creación dunha plataforma de xestión de áreas comerciais; creación de contidos vinculados co turismo e o comercio e despregamento de puntos wifi nas zonas comerciais. Sostibilidade e economía circular coa promoción de novos deseños de embalaxes para o comercio de proximidade e instalación de illas ecolóxicas. Formación con cursos en liña de inglés, francés e portugués para comerciantes”.
O alcalde non ocultou a súa sorpresa e indignación en relación ao posicionamento da oposición: “resulta moi difícil entender como os grupos do BNG, PP e CG, non apoian ou se opoñen a un proxecto que obxectivamente mellora a competitividade dun sector tan importante na Guarda como o comercial. Os comerciantes deben pedir explicacións aos grupos políticos da oposición. En política non vale todo, os representantes electos, tanto goberno como oposición estamos para servir aos veciños e veciñas. Non vale todo co argumento de que estamos en campaña electoral. Un grupo político que antepón os intereses partidistas por enriba dos da veciñanza perde lexitimidade para gobernar.”

Ningún comentario:
Publicar un comentario