FoGaReS SaNXe on the rocks!
O evento celebrarase na sede da Asociación San Xerome (rúa Galicia, 23 de A Guarda), o vindeiro venres 23 de decembro en horario de 19:00 a 00:00h.
Asociación San Xerome / A Guarda
A Asociación San Xerome, de A Guarda (Pontevedra), organización sen ánimo de lucro promovida por nais, pais, familiares e amigas/os de persoas con diversidade intelectual, facilita ao devandito colectivo e ás súas familias apoios e servizos profesionais que favorecen o seu crecemento persoal, integración socio-laboral, igualdade de oportunidades, desenvolvemento comunitario e inclusión.
Para a Asociación San Xerome é fundamental que as persoas con diversidade intelectual teñan o mesmo dereito á emancipación que o resto de persoas sen discapacidade, e que poidan ver realizado o seu proxecto de vida no presente e cara ao futuro. Para garantir este dereito, a Asociación puxo en marcha o proxecto de FoGaReS SaNXe, solución residencial innovadora no antigo Colexio das Carmelitas, de A Guarda, onde 60 persoas con diversidade intelectual do Baixo Miño poderán vivir unha vida adulta independente, cos apoios necesarios para poder facelo.
A área de Voluntariado da Asociación, organiza o vindeiro venres 23 de decembro o Festival solidario: Fogares Sanxe on the Rocks!
A compañía de teatro Fran Rei representará a obra 'A Historia de Brancaflor'. O músico Díaz guiaranos coa súa guitarra polas raíces do soul, o blues e o country americano, e cos veteranos G79 repasaremos os clásicos rock nacionais e internacionais. Todo iso acompañado polo fabuloso showman, picadiscos e mestre de cerimonias DJ Gramola, que musicalizará a apertura de portas, os descansos entre actuacións e o fin de festa.
A guinda da noite daraa Aarón Fernández, que fará unha colaboración moi especial coa súa trompeta... e ata aí podemos desvelar…
Haberá unha barra a prezos populares, zona de peques, chillout e casetas.
O evento “FoGaReS SaNXe on the rocks” celebrarase na sede da Asociación San Xerome (rúa Galicia, 23 de A Guarda), o vindeiro venres 23 de decembro en horario de 19:00 a 00:00h.
Para participar no evento, a achega mínima é de 10€, e pódese realizar na entrada da Asociación o mesmo día do evento, vía Paypal (ligazón: https://www.paypal.com/donate/?hosted_button_ide=5XTZCWXB7Ou9MN) ou vía Bizum (código 06424). Tamén escribindo a dona@sanxerome.com, ou de forma presencial nas oficinas de San Xerome ao longo desta semana.
Estades todas e todos convidados…esperámosvos!!!!


Ningún comentario:
Publicar un comentario