Tomiño únese para dicir un rotundo non á violencia machista
• Corporación, colectivos e veciñanza leron un manifesto conxunto na concentración celebrada co gallo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres
Representantes da Corporación municipal de Tomiño e do departamento de Benestar Social, acuBam, Adeto, ANPA, Centro de Día, Policía local, Protección Civil, Policía Local e Vontade uníronse para ler un manifesto conxunto
Fotos: C.T.
Infogauda / Tomiño
Os datos non deixan lugar a dúbidas: 1.168 mulleres mortas a mans das súas parellas ou ex parellas dende 2003, 38 delas neste 2022 que deixan 26 orfos e orfas. Unhas cifras que non fan máis que ratificar a importancia de plantarlle cara á violencia de xénero. Por este motivo, ao abeiro do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, representantes da Corporación municipal de Tomiño e do departamento de Benestar Social, acuBam, Adeto, ANPA, Centro de Día, Policía local, Protección Civil, Policía Local e Vontade uníronse para ler un manifesto conxunto no que puxeron de relevo que “para loitar de xeito efectivo contra a violencia de xénero é fundamental a atención e protección das vítimas e tamén a prevención: temos que reflexionar na raíz e na orixe da violencia contra as mulleres, identificalas e condenala”.
Unha reflexión que debe facerse dende todos os eidos e prestando especial atención aos valores que se lle transmiten aos mozos e mozas “que recollen a testemuña do que nós deixamos”. “Os datos das asasinadas, os datos do terror, ademais de estremecernos teñen que indignarnos e facernos pensar en que, despois dos avances sociais dos últimos séculos, do progreso, das grandes xestas en todos os eidos, unha sociedade permita no seu seo esta vulneración dos dereitos humanos. Non podemos permitilo. Non podemos permitir o horror de tantas mulleres humilladas, violentadas, ninguneadas, agredidas psíquica ou fisicamente, nin a violencia que estas condutas implican para os seus fillos e fillas”, recalcaron durante a lectura.
Unha loita contra a violencia machista no que “os Concellos, axentes clave, xogamos un papel fundamental como institución máis próxima á cidadanía. Temos que estar presentes activamente na prevención e atención específica ás mulleres vítimas da violencia de xénero e os seus fillos e fillas, polo que é preciso un consenso institucional, político e social”.
Este manifesto recollía tamén o firme compromiso do Concello de Tomiño a condenar a violencia contra as mulleres como manifestación máis extrema das desigualdades de xénero, mostrar solidariedade e poñer recursos a disposición das vítimas e dos seus fillos e fillas, traballar no desenvolvemento das medidas contidas no Pacto de Estado, impulsar accións de prevención e sensibilización e “traballar no apoio á comunidade educativo e ás familias para que a mocidade e infancia medre nunha sociedade sen violencia, plural e respectuosa con todas as persoas e que poña en valor a igualdade”.
A lectura do manifesto remataba cun rotundo rexeitamento “a calquera posicionamento político que propugne a negación da existencia da violencia de xénero” e declarando Tomiño “un Concello libre de violencia machista que non será cómplice de calquera persoa que a exerza, acubille ou silencie”. Na concentración participaron ademais traballadoras e traballadores do Concello, usuarios e usuarias do Centro de Día e de Vontade, participantes no programa municipal Reactívate e veciñanza, que gardaron un minuto de silencio en memoria de toda as vítimas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario