24 de nov. de 2022

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PUBLICA O LIBRO ‘DESMONTANDO A PROPAGANDA FRANQUISTA’ PARA POÑER LUZ NO FUNCIONAMENTO DA DITADURA NOS ANOS 50 

 A obra inclúe textos de vinte persoas investigadoras que contextualizan fotografías de inauguracións, mitins e actos da Xefatura Provincial do Movemento e o Goberno Civil




Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra vén de editar o libro ‘Desmontando a propaganda franquista’, unha nova publicación do departamento de Memoria Histórica do Servizo de Patrimonio documental e bibliográfico provincial que pretende afondar no coñecemento da situación política que se vivía na provincia na década dos 50, a etapa menos coñecida da ditadura franquista.

 A publicación, explica a deputada de Memoria María Ortega, xorde a raíz da catalogación e dixitalización das imaxes do arquivo de prensa que durante esa etapa elaborou a Xefatura Provincial do Movemento para documentar inauguracións do gobernador civil, mitins e actos varios relacionados coa Falanxe Española, que dende outubro de 2021 forman parte do Arquivo do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación -e se poden consultar a través do buscador provincial AtoPO-.

 As imaxes, que tiñan por si mesmas un grande valor histórico e son unha ferramenta perfecta para coñecer máis polo miúdo o funcionamento da ditadura nesa etapa tan pouco estudada, precisaban de maneira imprescindible un exercicio de contextualización para non perpetuar a mensaxe propagandística que o réxime buscaba con elas. “Tamén son valiosas para poñerlles cara ás persoas que formaban parte do seu aparato, que nalgúns casos foron premiadas pola súa participación na cruenta represión inmediatamente posterior a 1936, perpetuando durante décadas unha estrutura caciquil”, explica a deputada.

 Para a contextualización das fotografías (unha escolma de 300) o libro conta con artigos de vinte persoas expertas no estudo da ditadura franquista e a memoria: Montse Fajardo, José María Cumbraos, Ana Cabana Iglesia, Dionisio Pereira, Lola Varela, Marcelino Abuín, Lucio Martínez Pereda, Xoán Carlos Garrido, María Victoria Martins, Xosé Álvarez Castro, Xosé Enrique Acuña, Manu Igrexas, Antón Mascato, Pepe Novas, Xoan Carlos Abad, Xosé Paz Antón, Xosé Lois Vilar, Carlos Méixome, Natalia Jorge, e Carmen Corgo.

 O exemplar divídese en dúas partes. A primeira –ata o capítulo nove- busca realizar unha análise xeral da época a través do acontecido na provincia para coñecer mellor a maneira de proceder do réxime. Preténdese afondar no coñecemento do relato deturpado, falar do significado que tiñan para o propio réxime os actos públicos como instrumento propagandístico e como o paso do tempo variou o seu significado.

 Quérese incidir na importancia de coñecer os escenarios e o ambiente no que se realizaban eses actos e contar, tamén, o padecemento da sociedade que a ditadura quería agochar entre inauguracións e recepcións ao gobernador civil. Inclúese tamén un análise do que foi a Falange en Galicia, apoiado nos actos anuais que conmemoraban o mitin de Jose Antonio en Vilagarcía. Afonda na simboloxía fascista do franquismo, no papel da Igrexa Católica durante a ditadura, na situación das mulleres, e na corrupción vinculada a San Simón. 

 A segunda parte -do capítulo 10 ao 20- fai un percorrido polas distintas comarcas pontevedresas e debuxa a historia daquela época en cada lugar, a través da contextualización das imaxes existentes en cada zona. Vaise do xeral ao concreto e inténtase poñer cara ás persoas que ostentaban o poder en Pontevedra, Cerdedo e Forcarei, o Deza, O Salnés, o Morrazo, Vigo; Salceda de Caselas, O Porriño e Mos e Baixo Miño, con separata de Tomiño.

 O libro presentarase publicamente –e repartirase de balde entre as persoas asistentes- o vindeiro mércores ás 19.30 horas no Pazo Provincial de Pontevedra. A inscrición pode realizarse no correo memoriahistorica@depo.gal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario