24 de nov. de 2022

VIGO

A CIG-Saúde denuncia que o PAC de Vigo quedou cun médico/a menos por segunda vez nesta semana 

 Amosa a súa preocupación porque a falta de persoal se converta en algo habitual, máis cando existen vacantes sen cubrir 


Mobilización pola falta de persoal sanitario
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A federación de Saúde da CIG denuncia que o PAC de Vigo volveu quedar este mércores día 23 de novembro cun médico/a menos na quenda de tarde por segunda vez nesta semana. Neste senso, amosa a súa preocupación porque a falta de persoal se converta nun problema habitual, máis cando na área hai varias vacantes sen cubrir. 

 Neste senso, advirten que a non oferta das vacantes que se xeran por traslados ou xubilacións poden empeorar cada vez máis a situación e lamentan que estas ausencias de facultativos/as obrigaron ter que asumir o traballo con só tres médicos/as. “Algo de especial gravidade nun momento coma este de aumento da demanda asistencial debido as infeccións respiratorias”, sinala a secretaria comarcal da CIG-Saúde de Vigo, Pilar Rodríguez. 

 Por outra banda, trasladan a súa inquietude polo feito que unha persoa allea ao PAC e que no pasado ten sido fonte de conflito lograse colarse no centro durante a fin de semana. “Por iso sorprende que cando os incidentes violentos se suceden en varios centros sorprende que a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo decidise retirar ao remate do verán a seguridade contratada no PAC”. 

 En consecuencia, reclaman máis medidas de protección ante as situacións de violencia e “ocupación” de espazos privados dos centros. “Vemos necesario que se retome a contratación da seguridade do PAC de Vigo, medida que se podería exportar a outros centros como o PAC de Cangas,  que foi noticia recentemente por varias agresións”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario