8 de nov. de 2022

O ROSAL

Carlos Rodríguez Vicente será o candidato do Partido Popular á alcaldía do Rosal  

Luis López sinala que “é un gran candidato, co equipo máis preparado e o mellor proxecto” para que este concello volva a pensar en grande.  


Carlos Rodríguez Vicente -  6º pola esq. - logo de ser elexido candidato do Partido Popular á alcaldía do Rosal

Infogauda / O Rosal 

 Carlos Rodríguez Vicente será o candidato do Partido Popular á alcaldía do Rosal nas municipais de maio. Así o decidiu a xunta local por unanimidade, decisión que trasladaron ao presidente provincial, Luis López Diéguez, e á secretaria xeral, María Luisa Piñeiro Arcos, na reunión que mantiveron onte pola noite na nova sede local, á que asistiron o deputado autonómico Moisés Rodríguez Pérez, o voceiro da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e a presidenta da xestora de Tomiño, Lara Meneses Álvarez.  

 Carlos Rodríguez amosou o seu agradecemento pola confianza tanto dos militantes e dos afiliados do Rosal, como da dirección provincial do partido, e amosouse convencido de que “somos a alternativa seria e fiable que necesita O Rosal”. Aposta por seguir traballando cara a cara cos veciños, na rúa, falando, escoitando e atendendo as súas preocupacións e inquedanzas. “É momento de recuperar a confianza dos nosos veciños, estes catro anos foron nefastos para o avance do noso concello, deixamos de ser un referente e tomar as nosas propias decisións para converternos nunha marioneta da alcaldesa de Tomiño, e por iso non podemos perder máis tempo nin máis oportunidades. Este concello necesita un impulso, O Rosal ten un gran potencial que non se está aproveitando e nós somos a opción fiable para conseguilo”.   

 Luis López subliñou que “Carlos é un gran candidato, cunha gran capacidade de traballo e moita ilusión”, e puxo como exemplo o traballo que leva facendo nestes dez meses, desde que asumiu a presidencia da xestora do Rosal. “Unha labor importante, a pé de rúa, escoitando e atendendo aos veciños. É o mellor candidato, pero con el tamén ten o equipo máis preparado e o mellor proxecto para que este concello volva a pensar en grande”. Recorda que “é fundamental escoitar á xente en cada aldea, porque así vai saír un proxecto real para O Rosal, co que os veciños se van sentir plenamente representados”.   

 Carlos Rodríguez ten 29 anos e é veciño do Rosal. É xogador e adestrador de balonmán, e está rematando estudos en Dereito. Presidente da xestora do PP do Rosal desde xaneiro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario