Nunha reunión mantida con afiliados do Val Miñor, á que asistiron Luis López e deputados provinciais
O PP confirma a María José Pino como candidata á Alcaldía de Nigrán
• Luis López: “A unidade, a ilusión e o traballo son claves para que o PP volva a ser o partido máis votado en Nigrán. O cambio é posible e comeza hoxe”
Infogauda / Nigrán
O Partido Popular confirma que a candidata á alcaldía de Nigrán nas municipais de maio é María José Pino Fernández. Foi durante unha reunión de traballo que mantiveron onte pola noite o presidente provincial Luis López e a secretaria Luisa Piñeiro con concelleiros e afiliados de Nigrán, á que tamén asistiron deputados provinciais así como os voceiros populares de Baiona e Gondomar, Ángel Rodal e Paula Bouzós.
Luis López destacou “o traballo, o esforzo e o empuxe” de María José Pino ao fronte da xestora do PP de Nigrán desde 2017, “traballando sempre pola unidade do partido e na defensa dos intereses dos veciños de Nigrán”. Sinalou que “representa moitos dos valores do partido”, e amosouse convencido de que “ela e o seu equipo conseguirán recuperar a confianza dos veciños de Nigrán, grazas ao gran traballo que están facendo, porque teñen un gran proxecto para este concello e porque conta cun equipo de persoas comprometidas”. Por iso, dixo que o obxectivo é repetir os resultados que o PP obtivo nas últimas eleccións, as autonómicas de 2020, nas que os populares acadaron o 47,23% dos votos. “A unidade, a ilusión e o traballo son claves para que o PP volva a ser o partido máis votado en Nigrán. O cambio é posible e comeza hoxe”, engadiu.
Pola súa parte, María José Pino agradeceu o apoio de toda a xunta local e dos seus compañeiros a nivel provincial, e amosouse “ilusionada” por devolver a Nigrán un Goberno comprometido cos veciños, un goberno transparente, que xestione e resolva. Lamentan que “os delirios de grandeza do alcalde estea provocando nefastas consecuencias para Nigrán, cun Goberno roto e enfrontado, máis preocupado polas súas disputas que polas necesidades dos veciños. Esquécense do importante, de xestionar e da cidadanía”.
María José Pino Fernández ten 54 anos, é presidenta do PP de Nigrán desde 2017, e concelleira desde o ano 2011.
JORGE CUBELA: “FALTA APOIO DA DEPUTACIÓN AOS CONCELLOS”
Durante a reunión, os deputados provinciais tamén deron conta da situación dos concellos da provincia cun “Goberno provincial que os trata de insolventes e de parásitos” e que “desatende as principais demandas dos pequenos e medianos concellos, que hoxe por hoxe están nas dificultades que teñen para facer fronte a un incremento desmesurado do gasto corrente provocados pola alta inflación”.
O voceiro do grupo provincial, Jorge Cubela, sinalou que dos 11 millóns de euros que incrementa o orzamento da Deputación de Pontevedra para o ano 2023, só 1 deles se destina para actualizar o Plan Concellos e, ademais, reducen as transferencias para os concellos en case un 5%. “Algo totalmente inaceptable. O PP non pode quedarse mirando mentres o Bipartito PSOE e BNG presentan uns orzamentos que non teñen en conta as necesidades e urxencias dos concellos e dos seus veciños”.
No encontro, os populares lamentaron a falta de empatía do Goberno provincial, e entenden que “estes orzamentos anticoncellos son un exemplo claro da desconexión absoluta que teñen cos concellos pequenos e medianos. Non pode ser que todo o que sexa para gasto da Deputación aumente, incluídos os gastos de propaganda e autobombo de Carmela Silva e de César Mosquera, mentres que reducen a súa aportación aos concellos, con todas as dificultades e urxencias que estamos tendo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario