ROBERTO JOSÉ ÁLVAREZ CARRERO SERA O CANDIDATO DOS POPULARES Á ALCALDÍA DA GUARDA
• Será presentado o vindeiro venres 18 de novembro ás 19:30 h no Hotel El Molino, de Camposancos mediante un acto público aberto a toda a cidadanía e en que intervirán, entre outros, Rosa Quintana, Conselleira do Mar, Luís López, presidente provincial, e outros cargos do partido aínda sen confirmar
Infogauda / A Guarda
Era un secreto a voces que Roberto José Álvarez Carrero, portavoz dos populares na Guarda, repetiría como candidato á alcaldía do municipio. A dirección provincial do PP de Pontevedra acaba de facer pública a súa designación para encabezar a candidatura coa que os populares pretenden recuperar o goberno gardes.
Lembremos que Roberto José Álvarez Carrero, vencedor das últimas eleccións municipais, non puido gobernar o municipio polo pacto de goberno alcanzado entre as formacións do PSOE de Antonio Lomba Baz e Mª Montserrat Magallanes Álvaez e o BNG de Anxo Lois Baz Vicente. O "goberno da vergoña", segundo definen os populares, "foi roto a seis meses de pactar o goberno de coalición polo abandono de Anxo Baz que demostrou a súa falsidade, covardía e insolvencia para gobernar, á parte de impoñer de novo a Antonio Lomba como alcalde aos guardeses e guardesas ".
Roberto José Álvarez Carrero, profesor e avogado con despacho aberto en Vigo e A Guarda, "foi gañando peso específico dentro do Partido Popular de Galicia sendo membro da executiva provincial e coordinador no Baixo Miño, así como membro da dirección rexional galega. Con todo, cumpriu a súa palabra "cando, meses atrás, manifestou que "a súa prioridade e interese era A Guarda e nada máis".
Anunciada a súa candidatura expresou: "Afronto está designación con máis ganas e ilusión que nunca sabendo a responsabilidade que asumo porque somos o único proxecto serio e real. Somos a alternativa fronte a inacción e fotografías do goberno presidido por Antonio Lomba e Mª Montserrat Magallanes e a demagoxia e promesas falsas e incumpridas do seu socio Anxo Lois Baz porque PSOE e BNG na Guarda son o mesmo. Un non pode queixarse dunha situación cando esa realidade impúxoa el mesmo e volveraa a impoñer porque así llo dita o seu partido: refírome a Anxo Lois Baz que critica a Antonio Lomba e a Montse Magallanes cando foi el quen os elixa, apóiaos e seguirá apoiando por sectarismo cara a quen non pensa como el".
Os populares da Guarda fan unha invitación pública ao acto de presentación do candidato Roberto Carrero o vindeiro venres día 18 de novembro ás 19:30 h no Hotel El Molino, de Camposancos, para coñecer as liñas mestras do proxecto que teñen para A Guarda: "Convidamos a toda A Guarda ao acto para coñecer o noso proxecto pois somos a única alternativa posible fronte a incompetencia duns e as mentiras dos outros".

Ningún comentario:
Publicar un comentario