13 de nov. de 2022

A GUARDA

HISTORIAS DE MULLERES GUARDESAS´: UNHA OLLADA Á MEMORIA, CON FEITOS, IMAXES, NOMES E LUGARES 

• Un proxecto promovido polo Concello - Concellería de Igualdade -, e o Centro de Información á Muller, de A Guarda   


Foto de familia no Cruceiro Pinto, do grupo de persoas participantes na primeira andaina do proxecto Historias de mulleres guardesas 
Foto: Infogauda



Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
 
 Logo do éxito de acollida e participación que tiveron os dous roteiros pola zona vella de A Guarda, incluidos no proxecto Historias de mulleres guardesas, e realizados os días 14 de outubro e 4 de novembro; este domingo tivo lugar a primeira das andainas - a próxima será o próximo día 27 de novembro -, por Salcidos e Camposancos, que ao igual que os roteiros, foi guiada por Manuel Álvarez Pérez, do departamento de Turismo, do concello guardés.
 
 A diferencia dos roteiros, cuxas saídas foron desde a Praza do Reló, as andainas teñen como punto de partida á Alameda da nosa vila. En ambos os dous casos, trátase de actividades gratuítas con prazas  limitadas, sendo necesaria á inscrición. En calquer caso, como dixemos, á acollida dispensada pola cidadanía foi magnífica, polo que as prazas para á segunda das andainas ainda queda algunha praza libre. Iso acredita que esa proposta, promovida polo  Concello de A Guarda - Concellería de Igualdade - e o Centro de Información á Muller (CIM), da nosa localidade, co apoio da Deputación de Pontevedra, resultou unha experiencia que merece ter continuidade en edicións vindeiras.


 Visita ao monumento a mestra dona Aurora González Neira, na zona escolar da Sangriña
Foto: C.A.G.
 
 No que respecta a andaina deste domingo - cuxo contido será idéntico á programada para o día 27 deste mes -, as persoas participantes acudiron puntualmente ao lugar de saída, onde á hora prevista daría comezo a experiencia, que tivo como primeiro lugar de parada a zona escolar da Sangriña. Dese xeito, diante do monumento a mestra dona Aurora González Neira, realizado por Xosé Antúnez Pousa, e erixido por suscrición popular, por iniciativa dun grupo de exalumnos seus; o guía da andaina fixo unha síntese da biografía da relembrada mestra que deu escola na antiga escola nacional de nenas - onde décadas máis tarde se construiría o colexio público Manuel Rodríguez Sinde -, e na súa academia particular, ubicada no baixo da vivenda, sita na rúa Antonio Alonso Martínez, onde desde fai anos existe un edificio propiedade da familia Baldonedo López.  
 
 O guía da andaina tamén ofreceu uns apuntamentos sobre dona María de la Cruz Juana González Neira - irmán de dona Aurora - que tamén exerceu a docencia, neste caso en Camposancos.

 A seguinte parada xa foi en Camposancos, na fonte-lavadoiro do Aloque, onde o guía fixo unha glosa xenérica dese tipo de lugares, frecuentado de xeito habitual polas mulleres dos barrios onde están emprazados, sendo espazos de traballo e ao mesmo tempo, de reunión e mesmo de socialización. De tal xeito, que, en definitiva, nos lavadoiros as mulleres dispuñan dunha liberdade de expresión que en determinadas épocas da nosa historia recente, non tiñan noutros ámetos da vida cotiá.

 "(...) No barrio de Saá tamén vivían duas irmás solteiras: Idelina e Leonilda. Mulleres moi humildes, a primeira faltáballe un brazo. Para axudar na economía familiar facía zapatillas para vender aproveitando solas de outras zapatillas ou zapatos que ela cosía coa axuda dos pes. Leonilda era xornaleira e traballaba leiras, limpaba e cociñaaba noutras casas para gañarse a vida (...)", dixo Manuel Älvarez, nun momento da súa intervención.


Manuel Álvarez Pérez, amosando unha imaxe de Dominga Vicente Rodríguez, na fonte - lavadoiro da Poza
Foto: C.A.G.


 Continuando o itinerario previsto, á seguinte parada foi na fonte-lavadoiro da Poza. Nese lugar, relembrouse a Dominga Vicente Rodríguez, nada o día 19 de decembro de 1920, ainda que foi inscrita no rexistro civil en data 7 de xaneiro de 1921. 

 "(...) Tendo 4 anos o seu pai marcha para Cuba a xunta uns tíos e non volta, así que a súa nai, [que] case viviu como se fora viuva, apoiouse moito nunha irmá solteira, Isabel. A partir dos 8 pasa mais tempo na casa do tío Valeriano, un indiano retornado con moito diñeiro. Incluso cuando a súa nai lle berregaba, escapaba para casa de don Valeriano. Estudia na escola de dona Cruz (irmá de dona Aurora), no transversal de Outeiro. O rematar a escola vai aprender corte e confección e faise modista. Sempre contou co apoio económico de D. Valeriano e pode dedicarse exclusivamente a aprender costura e acaba como modista. Primeiro con Ester, unha modista que marchou para Vigo a traballar en Blanca Azul (primeira tenda dos Cividanes, nos anos 40) a quen substituíu, e despois monta o seu propio taller na súa casa. Ela recoñece que “foi criada como señorita” porque se librou de ir a leira e traballar cos animais. 

 Foi enfermeira/practicante afeccionada. Aprendeu a poñer inxeccións co médico do Rosal don Indalecio [Carrera Abeijón], para poñerllas ao tio Valeriano porque sufría de pulmón, pero acabou poñéndolle inxeccións a medio Camposancos, incluso quedaba a durmir nas casas dos enfermos porque as doses eran cada 3 horas. Logo cansouse e púxelle doble dose a xente e así era cada 6 horas. Esto facíao de maneira altruista pero acabou deixando de facelo cando chegaron as primeiras enfermeiras (...)". 

 Manuel Álvarez lembrou tamén a fábrica de pantalóns no barrio Outeiro. Dixo que foi "(...) un taller externalizado da fábrica de Confecciones Vigo S.A. propiedade de [Juan] Manuel Cividanes [Barreras], do grupo Cividanes, que facía roupa baixo a marca comercial Pressman, sobre todo pantalóns pero tamén faldas e algunha chaqueta". 

 Dominga traballou na producción en cadea: Sobrefiadeira, fiselina na plancha, cremalleiras,…

 "(...) O grupo quebra. O taller pecha, provocando unha pequena folga das traballadoras que chegan a encerrarse na fábrica e durmen alí para evitar o peche, e sobre todo que retiren a maquinaria. O taller pecha a mediados dos 80 e o grupo bota o peche total no 92". 
 
 O guía da andaina lembrou que "Dominga tamen desempeñou o labor de encargada do taller. Supervisaba e facía o control de calidade das prendas. Tiña ao seu cargo 16 mulleres, todas camposinas. Cando se xubila o xerente ela asume tamén ese cargo. Traballou 15 anos (un par deles sin asegurar) 

 Na Comunidade de Montes [Veciñais en Man Común] de Camposancos, foi a primeira muller en formar parte da xunta reitora. Estivo 20 anos como vogal. Participou activamente nas protestas da comunidade para que o Padroado [Municipal Monte Santa Trega] repartira beneficios tamén coas comunidades de montes. Fixeron unha sentada cortando a carretera a altura de Chans e logo durante un par de meses fixeron boicot na caseta de cobro no Montiño impedindo que o funcionario aplicase a tasa de acceso, e polo tanto todos os coches subían gratis, ata que conseguiron o que pedían. De rebote a Comunidade de Montes de A Guarda, sen facer nada, tamén conseguiu a súa parte do diñeiro". 

 No que respecta o tempo de lecer, "Dominga era moi afeccionada ao fútbol, cando era moza, e incondicional do G.D. Miño. Sempre acudía aos partidos e gritaba e insultaba aos árbitros e os seareiros do equipo contrario, sobre todo cuando xogaban contra o San Lorenzo de Salcidos. Recoñece que a día de hoxe se avergoña dese comportamento. Incluso ruborizouse  (...)".

 A cuarta parada da andaina foi no Codesal, para evocar a actividade comercial do estraperlo. Nesa actividade de subsistencia, lidaban mulleres como Celsa Vicente Martinez e Josefina Abreu, entre outras. 

 "(...) Celsa, de Pintán, de familia de panadeiros (Morales), facía reparto de pan polo Rosal cando era solteira. Cando casou tiña un despacho de pan nunhas galerías enfronte a plaza de abastos.   
 
 En plena posguerra, coa situación de pobreza, a falta de suministros e o racionamento, mercaba fariña de trigo traída de estraperlo de Portugal que transportaba en cabalo dende Camposancos ata Pintán, onde seu irmán tiña a panadería, ata que un día tivo que escapar dunha parella da Guarda Civil. Este episodio meteulle o medo no corpo e deixou de mercar fariña de Portugal".

 "(...) Fina, de Camposancos, recorda unha vida de moito traballo: a leira, criar vaca para vender leite, ir o argazo para abonar as leiras e tamén traballar no estraperlo: redes para Portugal que eran moi pesadas porque algunhas levaban chumbo, cargábanas na testa e transportábanas pola noite ata a zona do Caldeiro onde esperaban agochadas a que chegaran as embarcacións a orela. Nese momento os espías daban o sinal e se entregaba a mercadoría. 

 Cando coincidía marea baixa o traballo complicábase porque había que camiñar cargada máis distancia, case ata a Pedra de Dentro, e ademaís meterse na auga fría de noite. Moitas veces facían 2 viaxes, pagábanlle 10 pts/frete.

 Fina todos os días se decía así mesma: “Non volvo máis, pero o día siguiente volvía.” Ela quería comprar uns zapatos. Entón ía aforrando algo do que gañaba por cada porte pero antes de ter a cantidade necesaria para compralos a súa nai lle pedía algo de diñeiro e nunca conseguía xuntar os cartos para calzado (…)".

 Se falamos de estraperlo tamén hai que referirse as persoas que interviñan no outro extremo. Neste caso, o guía da andaina referiuse a "Teresa, matrona  (para rexistrar a outras mulleres nos recintos aduaneiros)  da Garda Civil.
 
 Para poder acceder a ese corpo - creado en 1860 - había que ser viuva ou orfa dun caído en acto do servizo do exército; ter o título de matrona; ter entre 25/50 anos e ser solteira. 

 O soldo era de 10 reais/día. Non obstante, a presencia da muller no corpo da Garda Civil, remóntase ao 1950 coa creación da figura das matronas da G.Civil, como herencia das matronas do antiguo corpo de carabineiros. Estas mulleres, na súa maioría viuvas e orfas de carabineiros, prestaban seus servicios en aduanas, tanto terrestres como marítimas, coa misión de realizar principalmente os rexistros a mulleres. No 1999 queda extinguido (...)".

 A seguinte parada foi no lavadoiro da Pasaxe, para relembrar a Teresa Galdó Rodríguez. 

 Filla de Félix e Ángeles, naturales de Denia (Alicante), trasládanse a vivir a Camposancos por motivos laborais. Seu pai traballaba na serrería da Armona como encargado de producción. Teresa naceu en Camposancos o 22 de abril de 1906. Alí criouse, foi a clase, traballou e residiu. Tanto a ela como a sua irmá Rita recordáselles como "as telefonistas de Camposancos". Non en van ata a década dos 70 desempeñaron esa labor na centraliña que a Cía. Telefónica tivo na Pasaxe. 

 "En Camposancos - afirmou no seu día Teresa a este cronista -, sólo había un teléfono, el de Constante Carrero. Después, como Celso Candeira solicitó varios para su fábrica, fue cuando se instaló una centralita cerca de A Garita, para la cual fuimos requeridas mi hermana y yo".

 Como recoñecemento, a rúa das Irmás Galdó evoca a ambas desde 01/10/2003. 

 Tal e como nos dixo Teresa Galdó, a clave para chegar aos 100 anos, é que levou unha vida moi tranquila e sana: “Comíamos pocas grasas. Era muy cafetera y la playa era mi predilección. En aquellos tiempos no iba nadie hasta que los médicos y la prensa comenzaron a difundir los beneficios terapéuticos del agua de mar. En septiembre nos levantábamos a las seis para bañarnos. Hacíamos 9 días seguidos”. 

 Teresa Galdó gozou de boa saúde, extraordinaria memoria e total lucidez. Era una enciclopedia vivinte: Viu xurdir sociedades, clubes de fútbol, a puxanza da actividade industrial e dos estaleiros. 

 "Recuerdo llegar a contar hasta 14 barcos de carga, de varios tonelajes, fondeados, formando una hilera, en el puerto de A Pasaxe. Daba gusto verlos. Entre ellos estaban el "Serrucho", el "La Guardita", que era como un vapor, el "Virgen del Carmen"... (...)". 

 No seu día, Teresa recordou con todo detalle os años da guerra: "En el penal de Camposancos llegaron a coexistir 5.000 prisioneros, entre ellos varias mujeres. Ellas estaban en el torreón de arriba, separadas. Dos de las cuales dieron luz allí y las mandaron para casa. También había médicos, abogados,..., personas de carrera. Yo pedía ropa para ellos, pero los vecinos de Camposancos, A Guarda y Salcidos se volcaron a ayudarlos llevándoles alimentos. La gente de Camposancos es muy generosa. Alguno incluso se casó aquí, como Fausto, el de los bueyes". Ela mesma cubría os impresos dos avais - para os presos - por teléfono e telégrafo, as veces 30 ao día. 

 Teresa Galdó expresou sentirse moi feliz e, ainda que recoñeceu que non tivo desexo por casarse, asegurounos que sempre lle gustaron os nenos. "Eran mi ilusión, les quiero mucho. Enseñé mucho el catecismo, desde los 13 hasta los 70 años. Los preparé para la 1ª Comunión e confirmación". 

 Encantáballe o deporte: Fútbol e piragua. "En aquellos tiempos no se conocía el fútbol. Lo trajeron los marinos británicos. Después ya comenzó una `folía´ tremenda. Les pedí un balón a los jesuitas y el padre Punín, el administrador, me dio uno de reglamento. En el Codesal, con los niños de catequesis, yo hacía de árbitro". 

 Do contrabando dixo que "era tanto que ya no nos llamaba la atención. De noche escuchábamos el `tracaleo´. Llamaban mucho desde la centralita . Hablaban con el abogado Abundancia, de Tui. Después aquello terminó". 

 Teresa Galdó Rodríguez viviu os ultimos 12 anos da súa vida na Residencia Paz y Bien de Tui, Moi relixiosa ía todos os días a misa e no seu tempo libre adicabase as súas distraccións favoritas: leer, escribir, as sopas de letras e o teatro.


Momento da para diante da antiga escola da Pasaxe
Foto: C.A.G.


 Preto do lavadoiro da Pasaxe atópase o inmoble que foi a escola dese barrio. Manuel Álvarez, o guía da andaina, referiu: "Escola soio de mulleres. O espazo actual é o mesmo. Tiña un xardín con peche que as propias alumnas se encargaban de coidar repartindo por pedazos. Ainda se conserva unha camelia. No recreo xogaban ao redor da escola. 

 A mestra chamábase Elvira Darrieta Vallés, natural de Pamplona. Era moi amiga dalgúns xesuitas do colexio, cos que intercambiaba notas e cartas que as alumnas se encargaban de levar e traer. Mentres agardaban a que o xesuita escribira a contestación da carta, xogaban sentándose nos sofás do vestíbulo do colexio, para ver cal era o máis cómodo…Evidentemente nas súas casas non había sofás nin sillóns. 

 As clases eran en turno partido e antes de comezar tocaba rezar. Polas mañás tiñan clase normal, con todo tipo de asignaturas pero pola tarde tocaba clase de costura, bordado, ganchillo e as máis maiores encaixe de bolillos. 

 As telas ou materiais eran dos pais das alumnas e ao rematar as pezas se levaban para casa.

 Nunha ocasión organizouse unha exposición cos traballos feitos na clase".

 Continuando en dirección a Salcidos, guía e camiñantes - entre os cales estivo Fátima Rodríguez Marcos, concelleira de Igualdade; e Yolanda Villaverde Gondar, directora do Centro de Información á Muller de A Guarda -, achegáronse a fonte-lavadoiro do Ollo Mariño. Nese lugar, que algunhas persoas visitaban por vez primeira, falouse de Laudelina Álvarez Gil, popularmente coñecida como a Tía Laudelina. Naceu en 1887 e faleceu o 12 de xullo de 1977 aos 80 anos.  Casárase con José María Álvarez Álvarez, tendo seis fillos. Foi unha das máis destacadas parteiras de Salcidos, xa que ademais das asistencias a partos nesa parroquia, tamén era solicitada para outros pobos. En casos complicados, recorría aos médicos don José Álvarez Novoa (alcumado O Cagarrucho) e despois a don Ramón Pérez López, que chamábana como axudanta comadrona. Tamén tiña a facultade de “cortar aires”, ciencia que ensinaría a algunha das súas noras.    

 Nese mesmo lugar, Manuel Álvarez, relembrou a Estrella e Dorinda de Durán, duas irmás do barrio da Gándara. A primeira botaba as cartas e cortaba os aires, Houbo cantidade de sanacións de aires cortados entre os nosos veciños. Cando salían polo corpo eccemas, ronchas, escamas, etc. despois de ir o médico e aplicar os tratamentos, o non seren efectivos estes na maior parte das veces, as xentes recorrían ós curandeiros, (ainda hoxe hai persoas que cortan o aire). Estrella nada mais ver o tipo de síntoma no corpo, xa decía si era aire de sapo, de saramaganta, de cobra, de toupeira, ou doutro bicho. 

 O ritual para cortar o aire, consistía en facer lume nunha tella que tiña carbons acesos nos que botaba certas herbas con propiedades que ela coñecía: (ruda, herba moura, barbas do millo, follas de freixo, piñas verdes e outras), pasaba as zonas afectadas do paisano polo fume e o mesmo tempo  con un coitelo facía cruces no chan e enriba da zona do mal, mentres con gran devoción recitaba: 

 Aire de sapo, sapón. Aire de saramajanta, saramajantón. Aire de culebra, culebrón. Corto cabeza, rabo, e cabezón. Corto todos os aires malos.  Corto os aires de todo condenado para que este mal non vaia adiante e vaia para fora. Na gracia de Deus do Espírito Santo,  San Xoaquín, e Santa Ana  que todo io cura e todo io sana. Naceu, viviu e morreu Cristo antes que este mal fora visto. Morra este mal e viva Xesucristo  Cristo. Vive, Cristo reina. Cristo de todos os males me defenda.  
 
 Despois rezaban o Pai Noso e unha Ave María. Si a doenza se resistía, había que facer un novenario, no cal se repetían estes rituais durante 9 días. Normalmente ó terceiro día do tratamento xa había melloría, e o sexto case que curado.

 A séptima, e última parada da andaina foi no Cruceiro Pinto, para facer a foto de familia, na que tamén participaron Visitación Cividanes Álvarez e Purificación Álvarez Álvarez.

  Unha vez tiradas as fotografías mediante algúns dos chamados telefónos intelixentes, o guía e participantes achegáronse ata a praza de Salcidos. Alí, o servicial Manuel Álvarez Pérez, que oportunamente fixera o correspondente traballo de campo, efectuou a seguinte sembranza:

 "Visitación Cividanes Álvarez, natural de Salcidos, nace en 1939 na casa que está fronte o Cruceiro Pinto. A casa onde xa os seus avós tiñan unha tenda que despois herdaron os seus pais, que logo rexentaría ela, e que actualmente leva a súa nora Elena. Ainda que o día que fun falar con ela atopeina sentada nos escalóns do cruceiro falando cunha veciña e ao mesmo tempo atendendo a tenda porque nese momento Elena estaba sachando patatas. 

 Eu estiven falando 45 minutos aproximadamente con ela e entraron 3 clientes os que ela despachou e fixo as contas de cabeza.

 Nalgún momento foi coñecida como tenda do Tío Antonio e chegou a ter un letreiro que puña Ultramarinos A. Cividanes pero que todo mundo coñece como a tenda do Cruceiro Pinto ou a tenda de Visita. 

 Se buscades no google maps sae “Tienda de Visita”. Soamente pecha os domingos pola tarde. 

 Estudou no colexio das Carmelitas e ao rematar a escola comezou a traballar na tenda e isto compaxinouno cos traballos domésticos e co campo. Segundo palabras textuais de Visita “o campo foi a miña carreira”.

 Faloume de que o Cruceiro Pinto sempre foi centro de reunión dos vecinos de Salcidos ata que se fixo a praza que está a 20 metros…A festa de San Xoan, recuperada fai pouco polos veciños sempre se celebrou no cruceiro e a día de hoxe segue sendo punto de encontro e tertulia de veciños. E grazas a Visita mantense unha tradición moi antiga, directamente relacionada co conxunto do cruceiro, e en particular coas almiñas: 

 Durante o mes de novembro, a partir do día de todos os defuntos, se colga unha cesta para que a xente deposite ahí espigas que ao final do mes Visita se encarga de debullar, logo se pesan e segundo o peso pois se leva o diñeiro ao cura para que adique alguna misa polas ánimas. 

 Esta tradición de pedir polas almas consistía en ir casa por casa coa cesta e tamén cunha saca pequena pedindo millo ou diñeiro ou ambas as duas, cada un daba o que podía. Este labor sempre o facian as mulleres, nenas e nenos. Eu mesmo participei nesta tradición sendo neno, pero soio pedíamos diñeiro non cargábamos coa cesta…Menos mal.

 Na Gándara creo que todavía se mantén esta tradición. Espigas de ánimas que son as que teñen fillos."

  Logo de rematar a intervensión sobre Visita, o guía fixo unha introducción sobre Arminda Gómez Martínez, que foi coñecida popularmente como Arminda dos Pantalóns. 

 "Arminda Gómez Martínez 1899-1986 “Arminda dos Pantalóns”, naceu en 1899 en Pintán. Casou con Higinio Vicente [Vicente], canteiro natural do barrio de Ribadavila e tivo dous fillos: Graciosa e Higinio. Trasládanse a vivir ao Castro ao lugar de Outeiro onde transcorre a súa vida familiar ata que o seu home morre. A partir de aquí comeza a usar a roupa do marido, tamén levaba boina, abrigo longo e as veces portaba un saco ao lombo para facer portes. 

 Sofreu a incomprensión, tamén alguna burla e incluso o peso da lei pero ela non cambiou a sua forma de vestir, ser ou actuar e porsuposto non deixou de poner os pantalóns.

 En canto o peso da lei un alcalde deu a orde ao garda da caseta de consumos do cruce de Funchidos para que non a deixara pasar xa que daba mala imaxe no centro da vila sobre todo de cara aos turistas. A súa desobediencia custoulle calabozo e multa que co sacrificio da familia se pagou. Co paso dos anos normalizouse o uso do pantalón entre as mulleres e moitas das que criticaron no seu día a Arminda acabaron usando esta prenda. 

 Muller moi metódica e traballadora que gustaba de conversar cos veciños, grande lectora e pouco afeccionada a ir a misa. Cando ia recoller  a fariña a Pancenteo no seu saco podiase ler “Arminda dos pantalóns”.

 A continuación Manuel Álvarez Pérez cedeulle o uso da palabra a este cronista, neto de Arminda, para facer unha sembranza desta muller que quedou viuva no ano 1946, cando tiña 47 anos de idade e dous fillos a seu cargo, e que foi unha persoa de ben, solidaria e traballadora, ademais de pioneira no uso de indumentaria (boina e pantalóns) propia de varóns desde o momento en que finou seu marido.

 Arminda era unha muller que sabía ler e escribir, e que sabía moi ben como conducirse correctamente na vida. Metódica, organizada, sempre disposta a axudar aos demais, relacionábase coa veciñanza sen decir unha verba altisonante nin ofensiva para ninguén. Nunca se posicionou políticamente. nin  a favor nin en contra de ninguén. Ela, dentro da súa modestia era unha persoa libre, que lle gustaba moito camiñar, e que como prevíamos algún día podía ser atropelada por un automóbil, como así foi, accidente que podía haberse evitado se daquela houbese beirarrúas e o conductor fose a unha velocidade máis axeitada as características da estrada onde aconteceu o accidente.

 Este cronista tamén relembrou que a primeira homenaxe a Arminda foi por iniciativa do cantautor Tino Baz Baz, que lle adicou unha cantiga cuxa letra e música compuxo expresamente, e que figura na seu primeiro traballo discográfico Cinsa namorada.

 A seguinte homenaxe, viu da man de Antonio Fontenla Martínez, coordinador dos libros Salcidos en Branco e Negro I e Salcidos en Branco e Negro II, que logo de haber publicado no libro-programa das festas de San Roque - daquela sen sinatura - unha sembranza de Arminda Gómez Martínez, posteriormente, en Salcidos Branco e Negro II, a instancia deste cronista recuperou o texto sobre Arminda, e asinouno.

 Tamén Emilio Rolán Mosquera e Pablo Pousa Carrera aluden a Arminda en dous libros das súas respectivas autorías.

 Asemade, María Rodríguez adicoulle a Arminda uns versos que atópanse nunha coñecida rede social.

 E agora, que haxa sido incluída no proxecto Historias de mulleres guardesas, é unha nova homenaxe que móvenos a agradecer tanto ás persoas que o promoveron como as que participaron nesta andaina e as que faráno na vindeira.

 Unha vez rematada a intervención, este cronista atendeu ás preguntas que fixeron algunhas das persoas que participaron na andaina, a cal concluíu coa reproducción do tema que Tino  Baz lle adicou a Arminda, e cos aplausos dos asistentes. 

 Sen dúbida Historias de mulleres guardesas é unha ollada á memoria, con feitos, imaxes, nomes e lugares.

Ningún comentario:

Publicar un comentario