25 de nov. de 2022

A GUARDA

O Goberno municipal do concello de A Guarda e as centrais sindicais asinaron un novo convenio colectivo 

· Para o persoal laboral, e un novo acordo regulador para funcionarios


O alcalde e a tenente alcalde, cos representantes do persoal laboral e funcionario do Concello de A Guarda, e os representantes das centrais sindicais, no acto de sinatura do novo convenio colectivo e do acordo regulador

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Goberno municipal do concello de A Guarda e as centrais sindicais veñen de asinar un novo convenio colectivo para o persoal laboral e un novo acordo regulador para funcionarios.

 As negociacións formais iniciáronse a principios do 2022 e deron  lugar, despois dun longo proceso de reunións e de negociación, a que o concello de A Guarda conte co II convenio colectivo e co II acordo regulador para funcionarios. Este novo convenio colectivo para o persoal laboral inclúe, por primeira vez, unha táboa salarial. Hai que indicar que os anteriores documentos databan de 2007 e que precisaban dunha adecuación á nova normativa así como unha clarificación nos dereitos e obrigas dos traballadores municipais.     

 En palabras do alcalde, Antonio Lomba Baz “foi un proceso longo e complicado, pero no que sempre estivo presente un ambiente de diálogo e de talante conciliador para chegar a bo porto. Quero agradecer aos representantes dos sindicatos e aos representantes dos traballadores o seu traballo e os esforzos que posibilitaron estes acordos. Hai que indicar que o convenio colectivo para persoal laboral acadou o voto unánime dos representantes dos traballadores e que o novo acordo regulador para funcionarios acadou o voto unánime dos representantes dos sindicatos”.  

 Agora  estes acordos  deberán ser sometidos  á aprobación por parte do pleno da corporación municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario