25 de nov. de 2022

A GUARDA

Xornadas de portas abertas no novo pavillón deportivo municipal da Sangriña 

A cidadanía guardesa poderá coñecer as novas instalacións os días 2 e 4 de decembro de 2022.  




Infogauda /A Guarda

 O Concello de A Guarda vai realizar os vindeiros días 2 e 4 de decembro unhas xornadas de portas abertas no novo pavillón deportivo municipal da Sangriña, unha vez concluídas as obras de reforma e ampliación desa infraestrutura deportiva.

 Toda aquela persoa que o desexe poderá visitar as novas instalacións nas xornadas do venres día 2 e o domingo día 4 de decembro, de 10:00 a 13:00h e de 17:00 a 20:00h. 

 O proxecto da reforma e ampliación do pavillón da Sangriña tivo un custe duns 1.870.000 euros. As obras realizadas permitiron modernizar todas as instalacións, que comprenden: unha nova fachada; unha nova cuberta; unha nova grada de fondo; a creación dunha planta superior para a circulación de espectadores e acceso seguro ás gradas; unha zona de espectadores en cadeiras de rodas, nesa planta superior; un ascensor; a renovación dos vestiarios (catro vestiarios xerais, un vestiario accesible e un vestiario para árbitros); dous núcleos xerais de aseos; tres aseos accesibles; un espazo de enfermería; un espazo para control antidopaxe; unha área de prensa; novas zonas de paso inferiores e almacéns, etc. 

 Ademais inclúese unha importante mellora na accesibilidade, na seguridade e na eficiencia enerxética do edificio. Tamén se aumenta o aforo nun 48%, ata 700 persoas sentadas. 

 Non cabe dúbida que o pavillón da Sangriña precisaba desta reforma. A execución desta obra representa unha gran oportunidade para A Guarda e un gran paso na mellora das súas infraestruturas deportivas, indican desde o Goberno municipal do Concello de A Guarda. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario