9 de nov. de 2022

A GUARDA

Coa Feira de Emprego e Formación “Imaxinando Rural”

 A Guarda sitúa ao rural como eixo de futuro e emprendemento 


Un momento da IV edición da Feira de Emprego celebrada no Concello de A Guarda

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda vén de poñer o broche final á IV edición da Feira de Emprego que este ano levou por nome “Imaxinando Rural”. Un evento  - subvencionado pola Deputación de Pontevedra - con dúas xornadas no que participou alumnado do IES A Sangriña; do Obradoiro de Emprego; do Centro Especial de Emprego de San Xerome, e demais convidados e asistentes.     

 Nesta edición púxose de manifesto todo o potencial que gardan as zonas rurais, especialmente A Guarda, non só para desenvolver proxectos de vida senón tamén porque son espazos nos que é posible poñer en marcha actividades profesionais exitosas.     

 No evento contouse coa participación de diversos entes como o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo-A Guarda, ou o Grupo de Desenvolvemento Rural Baixo Miño que afondaron nas opcións laborais que ofrece tanto o sector do mar coma o sector agrícola.     

 Tamén visitou A Guarda Anceu Coliving, que ofrece en Ponte Caldelas unha experiencia de convivencia e traballo colaborativo nunha granxa restaurada, na que resulta posible vivir de maneira sostible e traballar de forma remota.     

 Contouse ademais coa empresa guardesa Skeirrum, que presentou o seu proxecto e que preparou unha interesante actividade de paisaxe urbana polas rúas da vila na que o eixo principal foi o emprendemento.     

 Durante o evento tamén houbo espazo para a presentación dos resultados dun estudo sobre mocidade guardesa e perspectivas laborais que se levou a cabo este ano a iniciativa do concello pola consultora Inthemove. 

 E por último, participaron nunha mesa redonda varios/as representantes de 6 empresas asentadas na vila, un centro especial de emprego e unha asociación que desenvolve proxectos europeos con mocidade aquí na Guarda.  

 "Desde o Concello queremos agradecer a todas as persoas convidadas, asistentes e especialmente queremos recoñecer as aportacións das persoas que participaron desta mesa redonda e que representaron a Librería Atlántica, Acontravento, Academia Lili, XerEmprega, Lacena, Academia Your English Corner, Asociación Foco e Maderas Lomba, que deixaron moi motivado ao público asistente e transmitiron a idea das inmensas posibilidades que ten o noso pobo para emprender", dixo a concelleira de Desenvolvemento Local, Fátima Rodríguez Marcos.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario