3 de out. de 2022

VIGO

A SEDE DA DEPUTACIÓN EN VIGO ACOLLE A HOMENAXE Á VIDA E OBRA DA POETA MARÍA DO CARME KRUCKENBERG 

Dende o próximo 7 de outubro ata o 10 de novembro a Sala Rosalía de Castro albergará a mostra que repasa o legado literario e cultural que deixou a escritora 




Infogauda / Vigo 

 O vindeiro venres 7 de outubro, a partir das 17:30h, a Sala Rosalía de Castro na sede da Deputación en Vigo abre as portas a "María do Carme Kruckenberg. Vivir unha aventura irrepetíbel", unha mostra adicada á figura dunha viguesa ilustre e unha das escritoras de posguerra e intelectuais máis salientables do século XX. Unha exposición organizada pola Fundación Penzol, coa que colabora a institución provincial, e comisariada pola docente e escritora Mercedes Queixas Zas como unha das principais especialistas na homenaxeada.  

 A través de doce paneis informativos sobre a autora e a súa obra, oito mesas expositoras con fondos de arquivos bibliográficos e obxectos persoais, e un audiovisual que amosa diferentes intervencións da escritora, o público repasará, non só a súa creación literaria, senón tamén vivencias persoais claves na súa escrita. A mostra pretende poñer en valor a figura de María do Carme Kruckenberg coma unha muller pioneira entre as escritoras galegas de posguerra e a súa incesante actividade literaria ao longo da súa vida. 

 Kruckenberg foi unha intelectual, cosmopolita e liberal, adiantada a súa época e cunha gran cultura amais dunha alta capacidade autodidacta. A obra da autora viguesa abarca máis de vinte poemarios, varias escritos narrativos, traducións e incluso participou como actriz na obra de teatro de Álvaro Cunqueiro "Érase una vez...". Colaborou tamén con diversas revistas e diarios e foi vicepresidenta da Asociación de Escritores en Lingua Galega, sendo galardoada co Premio Alecrín, a Medalla de Galicia, a Medalla Castelao, o Premio Laxeiro ou o título de Viguesa Distinguida.  

 A súa figura permanece intacta grazas á herdanza da súa importante produción literaria inicialmente creada en castelán e en galego, sendo exclusivamente en galego a partir dos anos setenta en máis dunha trintena de obras líricas e tamén na súas incursións no eido da tradución e da narrativa. As creacións de María do Carme Kruckenberg deixan como legado un percorrido único e moi persoal no proceso colectivo de construción da poesía galega desde a posguerra, comezando pola herdanza poética do noso cancioneiro medieval ata o existencialismo, sendo tamén voz da denuncia social ou convocando o erotismo máis sensorial. 

 Por expreso desexo da poeta, este legado literario está depositado, para a súa custodia e consulta, no arquivo da Fundación Penzol, institución coa que se colabora para render unha homenaxe de lembranza á autora co fin de conseguir un maior recoñecemento público para unha escritora lúcida e pioneira, que deixou inserido no corpo de miles de versos un ronsel de vida para a esperanza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario