O presidente da Xunta de Galicia interveu na xornada 'Desafíos actuais en infraestruturas transfronteirizas e desenvolvemento económico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal', organizada pola AECT Vigo
Rueda exixe un compromiso real do Goberno central co AVE Vigo-Porto por ser unha "infraestrutura estratéxica" para o desenvolvemento de Galicia e o Norte de Portugal
Reclama ao Executivo de España a mesma altura que tivo o luso con esta conexión ferroviaria entre ambas cidades e adianta que así llo pedirá no vindeiro Cumio Ibérico
Infogauda / Vigo
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, exixiu hoxe un compromiso real do Goberno central coa alta velocidade Vigo-Porto por tratarse dunha “infraestrutura estratéxica e importante” para o desenvolvemento de Galicia, o norte de Portugal e tamén para todo o noroeste de España, “moi necesitada desta aposta estratéxica”, advertiu sobre esta conexión que permitirá reducir o tempo da viaxe entre as dúas cidades das dúas horas e vinte minutos actuais a menos dunha hora.
Rueda fixo esta reclamación durante a súa intervención na xornada Desafíos actuais en infraestruturas transfronteirizas e desenvolvemento económico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, organizada pola Agrupación europea de cooperación territorial (AECT) de Vigo, onde aplaudiu a decisión do Goberno portugués de poñer data ao inicio das obras de alta velocidade entre Porto e Vigo.
“Nunca agradeceremos dabondo en Galicia esta aposta decidida”, enxalzou o presidente da Xunta, quen cualificou a decisión do Goberno luso de apostar pola conexión da alta velocidade cara ao norte como a “máis intelixente”, xa que argumentou que beneficiará non só a moitísimos portugueses, senón a toda Galicia e a todo noroeste de España, “que está moi necesitada desta aposta estratéxica”, da que puxo en valor o que suporá tanto en tráfico de mercadorías, como no “fluxo inmenso de persoas” entre ambos territorios.
Ante a concreción de prazos e investimentos do Goberno luso de cara a conexión de alta velocidade entre Porto e Vigo, Rueda reclamou que agora “lle toca xa estar á altura” ao Goberno de España. Por iso, avanzou que a Xunta lle exixirá ao Executivo central que no vindeiro Cumio ibérico -que se vai celebrar este mes- amose un compromiso similar por esta infraestrutura. “Portugal comprometeuse e por tanto España ten que espelirse”, advertiu, ao tempo que se amosou convencido de que “seguro vai ser así”.
163 M€ para 85 proxectos na Eurorrexión
Durante a súa intervención, o presidente da Xunta puxo en valor a estreita colaboración entre Galicia e o norte de Portugal ao longo dos últimos doce anos, o que permitiu, segundo debullou, “captar 163 millóns de euros de investimento na Eurorrexión para a posta en marcha de 85 proxectos”.
T amén enxalzou o novo Programa operativo de cooperación transfronteiriza (POCTEP) sobre o que adiantou que incrementará a súa dotación nun 11%, “o que supón que contaremos cun 11% máis de oportunidades para aproveitalos“, concluíu para finalizar a súa intervención.
Ningún comentario:
Publicar un comentario