Tomiño, escenario da segunda edición do Foro da Muller Rural Galega, de EuRural
Celebrarase o vindeiro 14 de outubro, véspera do Día Internacional das Mulleres Rurais
Será unha xornada de redes na que 19 mulleres compartirán a súa experiencia liderando iniciativas rurais no territorio
Infogauda / Tomiño
EuRural volve ceder o protagonismo ás mulleres e a
poñer en valor e destacar iniciativas que apostan polo rural. A Asociación de
Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural celebra o vindeiro 14 de outubro,
véspera da conmemoración do Día Internacional das Mulleres Rurais, a segunda
edición do Foro da Muller Rural Galega, unha iniciativa que busca dar voz a
todas as mulleres que apostaron por formar parte do rural, traballando,
vivindo, transformando e axudando a mellorar o territorio.
O Pazo do Mosteiro, de Tomiño, será o escenario no
que se darán cita 14 protagonistas deste ano, que explicarán a súa situación
liderando proxectos rurais nos 13 concellos de EuRural. Despois do almorzo e
networking (en galego, redes), que comezará ás 10.00 horas, ás 10.30 horas darase paso á
inauguración oficial. Logo será a quenda do apartado ‘Compartindo experiencias,
visibilizando realidades’, na que se contará coas intervencións de todas as
protagonistas e que este ano serán Nuria Villa Vicente, de Éxfico (A Guarda);
Mar Lago Giráldez, de Glamping do Mar (Baiona); Paula Fernández Fraga, do Pazo
da Escola (Gondomar); Elisabeth Lage Muíños, de Casa Rural Magina (Fornelos de
Montes); Carla Valle Pérez, da Clínica de podoloxía de Mos; Silvia Molliñedo
García, de Gardian Xoias (Nigrán); Carmen Blanco Puertas, de Casa Rural Casa
Puertas (Oia); Estefanía Grandal Leiros, de Encaixe – Estudio de Arquitectura
(O Porriño); Angélica Lage Tellado, unha artesá de Pazos de Borbén; Inés
Tornero Viñas, dedicada á confección de bolsos en Redondela; Marisol Otero
Fernández e Raquel Otero Fernández, de Augaluz Florista (O Rosal); Mariví
Álvarez Fernández, da Asociación Cultivos do Baixo Miño – acuBam (Tomiño); e
Natalia Rodríguez Estévez, de Bodega Corisca (Tui).
Tras este espazo, ás 12.30 h, procederase á
lectura do manifesto da muller rural galega e celebrarase o acto de entrega de
recoñecemento á muller homenaxeada nesta edición, que será veciña da vila
tomiñesa.
As persoas interesadas en asistir poden inscribirse xa a través dun formulario disposto na páxina web de EuRural, onde poderá tamén atopar máis información sobre a xornada.

Ningún comentario:
Publicar un comentario