Os premios da Cultura Galega 2022 recaen en Marica Campo, María Victoria Carballo-Calero, Melania Cruz, Música en Compostela, Xosé Manuel Gayoso, Manuel González, Xacarandaina e o programa ConCiencia
O xurado, presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reuniuse hoxe para distinguir os galardoados nas modalidades de Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior
O Goberno autonómico recoñece un ano máis a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección cultural de Galicia
Infogauda / Santiago de Compostela
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2022 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.
Ao remate da mesma, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas:
Categoría / Premiado/a
Letras: Marica Campo
Artes Visuais: María Victoria Carballo-Calero
Artes Escénicas: Melania Cruz
Música: Cursos Universitarios Internacionais Música en Compostela
Audiovisual: Xosé Ramón Gayoso
Lingua: Manuel González
Patrimonio Cultural: Xacarandaina
Proxección Exterior: Programa ConCiencia
Do xurado tamén formaron parte o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a coordinadora de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, Rebeca Blanco Rotea; o académico da Real Academia Galega de Belas Artes, Xurxo Lobato, así como profesionais da cultura de Galicia de recoñecido prestixio como Zaza Ceballos, produtora audiovisual e galardoada nos Premios da Cultura Galega 2021; Elena Pardo, directora da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, e Xosé Eduardo López-Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo.
Con estes galardóns, a Xunta de Galicia distingue un ano máis a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa Comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario