4 de out. de 2022

A GUARDA

"O ANIÑAMENTO DE GAIVOTAS NO CONCELLO DA GUARDA", DE AGUSTÍN FERREIRA LORENZO

· Unha interesante monografía que vén de publicar a Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)


Portada da monografía "O aniñamento de gaivotas no concello da Guarda"
Foto: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Logo de máis dunha década - concretamente 11 tempadas - de labor de seguimento e recolleita de datos relacionados co aniñamento de gaivotas na bisbarra do Baixo Miño, e de xeito máis intenso nas zonas urbanas da vila de A Guarda, a Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), vén de publicar a monografía titulada "O aniñamento de gaivotas no concello da Guarda", da autoría de Agustín Ferreira Lorenzo, membro cofundador e presidente da devandita entidade asociativa.

 Con 40 páxinas de extensión, a publicación, que conta - como consta na contraportada da mesma - cunha subvención económica do concello da Guarda, está impresa en papel reciclado. Leva na súa portada unha fotografía da autoría de Silvia Arias Rodríguez, e na contraportada outra imaxe da autoría de Agustín Ferreira Lorenzo.

 No que respecta a corrección do texto, colaboraron Mª Consuelo González de Dios e Manuel Ángel Pombal Diego, ambos os dous membros de ANABAM.

 Ademais das referidas anteriormente, no seu interior, a monografía conta con 47 fotografías a toda cor, 3 ortofotos e 2 planos, que contribúen á identificación das diferentes especies de gaivotas así como seus plumaxes, segundo á época do ciclo anual; lugares e estratexias de nidificación; perigos para este tipo de aves, etc..

 Grazas ao estudo, observación e seguimento das gaivotas, levados a bo termo polo autor da monografía, e a colaboración neste proxecto, de Hugo Costas, da Universidade de León, e de Lorena Franco Díaz, da UVigo, durante as prácticas externas que realizaron en ANABAM, así como as achegas puntuais de varias persoas da localidade que aportaron datos, fotografías e referencias; dispoñemos dunhas valiosas informacións que nos permiten coñecer máis de preto, ás características e hábitos dunhas aves que forman parte do medio ambiente natural no que coexistimos, elas e nós.

 "Ata cinco especies de láridos diferentes adoitan instalarse ao longo do ano na bisbarra do Baixo Miño, particularmente na costa guardesa (...)", dínos o autor da publicación, que ademáis de referir os nomes comúns de cada especie, indícanos os correspondentes nomes científicos, formados estes por dúas verbas latinas: a primeira é o nome xenérico - por exemplo, no caso das gaivotas, Larus - e a segunda o epíteto ou nome específico - por exemplo, michahellis, para referirnos a gaivota patiamarela -. Precisamente a Larus michahellis é unha gaivota sedentaria - que vive permanentemente todo o ano nunha zona onde está establecida - e é tamén, a máis numerosa, na nosa localidade.

 Agustín Ferreira tamén nos informa que "(...) poden aparecer de xeito casual, esporádico (...)" outras especies de gaivotas que "(...) adoitan ser exemplares individuais que por causas diversas (...)" "(...) chegan a estas latitudes (...)".

 O labor realizado polo autor da monografía, ten como primeiro resultado a constatación duns datos numéricos - 150 niños contabilizados -  "(...) que polas estimacións poderían chegar a 180, fronte aos 15 que aparecen reflectidos no censo da SEO (Sociedad Española de Ornitología)", realizado en 2009.

 O estudo publicado por ANABAM describe á área de nidificación; os puntos de observación; o primeiro rexistro - do que se ten constancia - dun niño de gaivota na vila guardesa; a fase de cortexo ou emparellamento das gaivotas; as épocas de cópulas; a ubicación e construcción dos niños; o período de incubación e nacemento; resultados rexistrados en 2020 e 2021; independencia das crías respecto de seus conxéneres; os perigos -"os fíos da morte", segundo defíneos o presidente de ANABAM - que afectan gravemente a nidificación e posterior cría, destas aves; e a modo de conclusión, algúns datos de interese, como o inicio da nidificación de gaivotas na Guarda. "Estimamos que as primeiras parellas iniciaron a reprodución na vila da Guarda, e por ende no Baixo Miño, a finais da década dos noventa. Sabemos certamente que ata 1992 non aniñaban (...)", indica Agustín Ferreira. Asemade, o presidente de ANABAM dí: "O primeiro niño "oficial" rexistrado no municipio guardés corresponde ao ano 2000, construído nunha embarcación varada no estaleiro do Pasaxe (Camposancos - A Guarda) dato obtido pola fotografía que nos facilitou o propietario, Joaquín Castro, autor da mesma. Outra fotografía, do ano 2003 [que] foi tirada por Antón Ferreira, amósanos o primeiro dato de tres pitos nados nun niño situado no núcleo urbano da Guarda".

 A monografía "O aniñamento de gaivotas no concello da Guarda" ainda aporta máis datos de interese xeral - de tal xeito que mesmo se inclúen propostas para facer máis efectivos os dispositivos inocuos que "conviden" as gaivotas a non aniñar nas cubertas de edificios e vivendas, para tentar evitar as molestias - que cónstannos - e os quebrantos económicos - ídem - que xeneran aos usuarios das mesmas -, e por suposto, temos que decir que o contido desta publicación - sen que nos consten precedentes na bibliografía da nosa localidade - vén ser unha formidable achega ao coñecemento, para as persoas interesadas no estudo destas aves.

 Polo que a nós respecta, agradecemos vivamente este novo traballo de investigación de Agustín Ferreira Lorenzo, que unha vez máis, contribúe a difusión do patrimonio natural de A Guarda. 

 As gaivotas tamén forman parte da nosa paisaxe costeira e ribeirá. E desde fai uns cantos anos, sobor de todo, logo de executarse en 2001, o proxecto de transporte, clausura e restauración do vertedoiro municipal de residuos urbanos da Guarda (Pontevedra), promovido polo Concello da Guarda e pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental, tamén coexisten - e mesmo interactúan - coa veciñanza. Na opinión deste cronista, as gaivotas que estaban a cotío en Bazar, arredor do lixo xerado nos fogares, industria e comercio da localidade, pasaron a asentarse na fachada litoral próxima á vila e na zona urbana desta.

 Quen non lembra ao "Jaula" -que tiña tenda-taberna e vivenda na rúa do Porto (naquela altura denominada rúa Calvo Sotelo) -, no murallón, dándolles de comer as gaivotas?

 As gaivotas viñeron para ficar entre nós. Dito iso, non estaría de máis que desde a institución municipal se consensuase -entre os representantes de cada un dos grupos municipais e portavoces de entidades como ANABAM - un protocolo (para á retirada - por persoal autorizado - de niños, ovos e polos) como o que existe na nosa cidade de referencia, e dese xeito facer posible os seguintes dereitos: a supervivencia das gaivotas; a conciliación do dereito ao descanso veciñal e o respecto ás súas propiedades privadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario