10 de out. de 2022

A GUARDA

A Guarda avanza no seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible  

O concello guardés continúa co compromiso e a aposta decidida contra o cambio climático


O alcalde e membros do equipo municipal de goberno cos técnicos que participaron na sesión de traballo

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda vén de celebrar unha sesión de traballo para a elaboración do informe de seguimento do PACES (Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible). 

 Nesa sesión de traballo explicáronse os avances realizados polo Concello de A Guarda dende o ano 2014 para a redución das emisións contaminantes á atmosfera, analizando en detalle cales son as principais fontes de emisións, como poden ser os edificios e equipamentos municipais, edificios residenciais, alumeado público, frota municipal, transporte público, transporte privado e comercial, xestión de residuos ou xestión de augas residuais.  

 Deste xeito o maior consumo enerxético na Guarda dáse nos edificios residenciais e no transporte privado e comercial, rexistrándose un descenso no consumo entre o ano 2014 e 2022 de 2119 MWh no caso de edificios residenciais e de 1551 MWs no caso do transporte privado e comercial. Tamén no caso de emisións de CO2 verificouse un descenso de 1528t CO2 no caso de edificios residenciais e de 1794t CO2 no caso do transporte privado e comercial.  

 A nivel municipal o consumo enerxético céntrase nos edificios e equipamento/instalacións municipais cun 65%; no alumeado público cun 26%; e na frota de vehículos municipais cun 9%. Neste senso rexistrouse un descenso do consumo entre o 2014 e o 2022 dun 592MHw en edificios e equipamento/instalacións municipais; 371MHw no alumeado público; e de 33MHw na frota de vehículos municipais.  

 O obxectivo final do PACES é a redución dun 40% das emisións de CO2 con 9390t CO2, acadando arestora unha redución dun 14,64% das emisións de CO2 con 3438t CO2.  

 Entre os principais obxectivos do PACES está o de reducir as emisións de CO2 un 40% para 2030, minimizar o consumo enerxético no municipio, incrementar o nivel de implantación das enerxías renovables, elaborar un Inventario de Emisións de Referencia (IER) e aumentar a capacidade de resiliencia mediante a adaptación ao cambio climático.   

 O Concello de A Guarda continúa co compromiso e a aposta decidida contra o cambio climático mediante o seguimento do PACES en toda a política municipal, sendo un obxectivo que se ten en conta como prioritario á hora da realización de novos proxectos, obras, infraestruturas, entre outras accións. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario