Tomiño rende unha sentida homenaxe a Toñi Vicente, pioneira en poñer rostro de muller á alta cociña
Alcaldesa e autoridades destacaron a traxectoria da chef que transmitiu sempre á súa cociña os sabores e saberes da súa terra
Infogauda / Tomiño
Unha
homenaxe emotiva e chea de palabras de agradecemento para a súa protagonista,
Toñi Vicente. Tomiño celebrou esta fin de semana o seu acto cívico do Alivio nunha
Praza do Seixo ateigada de autoridades, familiares e veciños e veciñas que
quixeron arroupar á chef tomiñesa nun momento tan especial. Unha profesional de
recoñecemento internacional que sempre levou orgullosa o nome da súa terra,
unha muller emprendedora, pioneira en poñerlle á alta cociña nome de muller e “a
gran dama da cociña galega nun tempo no que a profesión estaba controlada por
homes”, como subliñou durante o acto a alcaldesa, Sandra González.
“Toñi
recolle a tradición das familias unidas arredor da mesa e únea a unha enorme
paixón polo que fai, grandes doses de innovación e un profundo coñecemento da
súa profesión. Sen perder esa esencia de produto, de cariño no facer, de
raíces... consegue aunar tradición e modernidade para revolucionar a cociña
galega”, louvou a rexedora.
Unha
longa traxectoria na que sempre levou consigo os sabores e saberes de Tomiño
que a levaron de volta ás raíces nesta nova etapa da súa vida. “Con esta
sinxela homenaxe queremos que recibas o agarimo de tantos tomiñeses e tomiñesas
e o noso recoñecemento a toda unha vida de entrega e traballo”, salientou a
rexedora.
Emocionada
pola semblanza da súa vida feita durante o acto tamén por parte do presentador
da cerimonia, Suso Pando, na súa intervención, Toñi Vicente tivo unhas verbas
de agarimo para os seus país, Delmiro e Antolina, cos que se iniciou no mundo
da cociña con tan só sete anos de idade, porque “esta homenaxe é para eles”. A
cociñeira aproveitou tamén o seu discurso para lanzar unhas palabras de
recoñecemento a todas as persoas que se dedican á restauración e á hostalaría,
“unha profesión moi dura que ten moito de vocación”.
No multitudinario encontro, a alcaldesa quixo agradecer tamén o labor das Forzas e Corpos de Seguridade e de Protección Civil de Tomiño, polo seu traballo para poder desfrutar dunhas Festas do Alivio con total normalidade tras a pandemia; da Banda da Agrupación Musical de Goián, que amenizou o acto cívico; e, especialmente, da Comisión de Festas, “que tanto ten traballado para que todos e todas poidamos gozalas despois de dous anos sen festas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario