Grande éxito do Programa de Maiores da Universidade de Vigo no Rosal
Alcaldesa e reitor asinaron un convenio de colaboración para impartir no municipio seminarios temáticos para persoas de máis de 50 anos
Infogauda / O Rosal
O Concello
do Rosal pechou a súa participación no Programa de Maiores da Universidade de
Vigo cun éxito absoluto de inscritos e inscritas e cunha gran satisfacción por
parte de todos eles e elas. En total, 36 persoas participaron nestas xornadas
deseñadas para achegar a formación, a ciencia e a cultura á poboación rural de
máis de 50 anos. Unha cifra que salienta o grande interese dos rosaleiros e
rosaleiras por este programa, xa que, como salienta a alcaldesa, Ánxela
Fernández Callís, “O Rosal rexistrou o maior número de participantes de todos
os concellos que forman parte deste programa da Universidade de Vigo”.
Unha
alta participación que se combina co gran grao de satisfacción entre todos os
participantes nesta formación artellada arredor de tres seminarios, o primeiro
deles sobre arte e historia, centrándose no patrimonio do propio concello, como
os petróglifos do Ghorghalado ou a capela da Madalena. No segundo as e os
asistentes aprenderon a usar ferramentas e aplicacións do teléfono móbil, como
os códigos QR ou aplicacións sanitarias ou de banca. O curso rematou cunha
sesión formativa e outra práctica sobre saúde, benestar e alimentación que
incluíu un roteiro cardio-saudable.
A
rexedora agradece a implicación da Asociación de Maiores do Rosal neste
programa e noutras actividades postas en marcha no Concello. Ademais, valora
moi positivamente o impacto que iniciativas como o Programa de Maiores da
Universidade de Vigo ten nun municipio de 6.400 habitantes. “Queremos que este
tipo de formación para as nosas e nosos maiores volva ao noso concello. Dende o
Concello xa lle avanzamos ao reitor, Manuel Reigosa, e á Universidade de Vigo o
noso interese por seguir traballando man a man e repetir experiencia ou incluso
poder impartir unha formación máis ampla ao longo de todo un ano”, recalca
Fernández Callís.
Ningún comentario:
Publicar un comentario