13 de set. de 2022

GALICIA

A Xunta de Galicia destina máis de 1,8 M€ para actuacións de restauración, preservación e mellora de espazos da Rede Natura durante os anos 2022 e 2023  

Estas subvencións teñen como beneficiarios a concellos, que obteñen un financiamento de algo máis de 1 M€; persoas físicas, que reciben máis 338.000 euros, e entidades, que contarán con preto de 400.000 euros


Os concellos de A Guarda e do Rosal, recibirán axudas económicas para melloras nas respectivas áreas da Rede Natura 2000
Foto: Infogauda


Infogauda / Galicia

 A Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria para os anos 2022 e 2023 das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos na Rede Natura 2000 de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). 

 Con cargo a esta liña de axudas, a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinou a actuacións para restaurar, preservar e mellorar os espazos incluídos na Rede Natura un importe de máis de 1,8 millóns de euros. 

 Estas liñas de subvencións teñen como beneficiarios a concellos, que obteñen un financiamento de algo máis de 1 millón de euros; persoas físicas, que reciben máis 338.000 euros, e entidades, como comunidades veciñais de montes en mancomún e asociacións, que contarán con preto de 400.000 euros. 

 O obxectivo destas axudas, ademais de garantir e mellorar a biodiversidade nos sistemas agrarios de alto valor natural, é mellorar o estado das paisaxes agrarias galegas tanto nos espazos da Rede Natura 2000 como nas súas áreas de influencia socioeconómica. 

 Nesa liña, levaranse a cabo proxectos que contribúan á mellora da paisaxe rural tradicional e dos seus elementos representativos e ao mantemento das condicións ambientais necesarias para a conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats. 

 Ademais, inclúense axudas destinadas a investimentos non produtivos necesarias para conseguir obxectivos ambientais, é dicir, investimentos que non dean lugar a un aumento significativo do valor ou a rendibilidade das explotacións agrícolas e que contribúan á mellora do carácter de utilidade pública das zonas Rede Natura 2000 de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario