O Concello de A Guarda presentou á cidadanía o Plan Rehabita
• Máis dun cento de veciños participaron nese acto, que foi retransmitido en directo
• A iniciativa conta xa con web propia: www.rehabita.aguarda.es onde poder ampliar información.
Infogauda / A Guarda
Na noitiña do pasado martes día 27 de setembro o salón de plenos do Concello de A Guarda acolleu a presentación á cidadanía do Plan Rehabita, un programa municipal pioneiro que ten como obxectivos paliar a falla de vivenda, aumentar a eficiencia enerxética dos inmobles e mellorar a estética das nosas rúas e barrios. Algo que, en liña co Plan de Acción por el Clima y la Energía Sostenible (PACES), ao que está adherido o Concello de A Guarda, influirá tamén na redución de emisións de dióxido de carbono á atmosfera.
Máis dun cento de veciños/as participaron nesta presentación - que tamén se puido seguir en directo pola canle de YouTube do Concello de A Guarda - e na que se contou coas intervencións do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; a concelleira de Desenvolvemento Local, Fátima Rodríguez Marcos; a concelleira de Medio Ambiente, Mª Montserrat Magallanes Álvarez e dous convidados - Javier Pereira, de Vigo e Gema Garrido, de Nigrán - que falaron sobre as súas experiencias en canto o aforro e a eficiencia enerxética.
Antonio Lomba, comezou a súa intervención destacando que despois das diferentes mesas de traballo realizadas dende o mes de marzo deste ano, tanto internas, como cos empresarios/as e profesionais da vila de diversos sectores, xa tocaba o momento de presentar esta iniciativa aos verdadeiros beneficiarios/as da mesma, os propietarios dos inmobles, que serán os que poidan optar ás diferentes axudas existentes para a rehabilitación de vivendas, edificios e pisos na nosa localidade, seguindo criterios de eficiencia e aforro enerxético.
Mª Montserrat Magallanes, foi a encargada de presentar a plataforma web que se creou para esta iniciativa, e na que se irán incluíndo todas aquelas informacións de interese para as persoas que desexen participar e rehabilitar os seus inmobles na Guarda a través do Plan Rehabita.
Fátima Rodríguez, explicou algúns casos prácticos con exemplos dos custes e importes subvencionables en diferentes tipos de inmobles e actuacións.
Antes do remate desta presentación, os convidados Javier Pereira - mediante videoconferencia - e Gema Garrido - presente na sala - explicaron aos presentes os seus respectivos casos de éxito particulares coa rehabilitación de inmobles mediante eficiencia e aforro enerxético, o que lles supuxo unha importante mellora no confort, baixada nos consumos de enerxía eléctrica, mellor climatización dos seus inmobles e un aforro considerable de custes a medio e longo prazo.
Ao remate da presentación, abriuse unha quenda de preguntas, onde varios veciños e veciñas da vila puideron resolver as súas dúbidas sobre diferentes cuestións técnicas do Plan Rehabita, e que dende este momento xa se poderán tamén solventar a través do teléfono do concello 986 610 000 ou no enderezo electrónico rehabita@aguarda.es
Mediante o Plan Rehabita, un programa integral de asesoramento para a rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética de vivendas que se atopan na Guarda, preténdese devolver ao mercado moitos inmobles que se atopan parados ou desactualizados na actualidade e promover así o seu alugueiro, reforma, venda, actualización, etc.
Ningún comentario:
Publicar un comentario