O Música e Viño no teu Camiño arranca esta fin de semana na Guarda e Nigrán
Será este sábado 1 de outubro cos concertos de San Rockers na vila guardesa, Groovin Folks en Panxón
A actuación de Two in the mirror, que inicialmente estaba prevista para o domingo 2 no concello baionés, terá lugar o 11 de outubro
Infogauda / A Guarda / Nigrán
Pistoletazo de saída a un mes de concertos coa
segunda edición do proxecto ‘Música e Viño no teu Camiño’, unha iniciativa
posta en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e o
Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño ao abeiro do programa O Teu Xacobe
impulsado pola Xunta de Galicia para xerar espazos de encontro e lecer entre a
veciñanza, visitantes e peregrinas e peregrinos que estean a facer o Camiño de
Santiago nesta época do ano.
O ciclo de concertos comeza esta mesma fin de
semana con dúas paradas no territorio. O sábado 1 de outubro a música de San
Rockers encherá a Praza Avelino Vicente da Guarda nunha sesión vermú que
comezará ás 13.00 horas. Xa pola tarde, as pistas de tenis de Panxón, en
Nigrán, serán o escenario elixido para que o público desfrute co estilo funk,
soul e disco de Groovin Folks ás 19.00 horas. O domingo 2 estaba prevista a
actuación de Two in the mirror na Casa da Navegación de Baiona ás 13.00 horas,
pero por motivos de saúde tivo que ser posposta. Finalmente, o concerto terá
lugar o vindeiro 11 de outubro ás 19.00 horas e no mesmo lugar.
Todas as actuacións son de balde e nelas poderase
desfrutar dos viños D.O. Rías Baixas e da gastronomía local nos establecementos
hostaleiros da zona.
Con esta iniciativa EuRural e do Xeodestino Ría de
Vigo e Baixo Miño organizan unha serie de concertos por todo o territorio nos
que o público poderá desfrutar da maridaxe de música, viño e gastronomía ao
tempo que se potencia a hostalaría e o comercio local. Dende EuRural e o
Xeodestino anímase a toda a veciñanza dos concellos do noso territorio e da
contorna a achegarse ata A Guarda e Nigrán esta fin de semana, así como aos
distintos escenarios e desfrutar de mañás e tardes con sabor a música e viño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario