30 de set. de 2022

TURISMO

A Oficina de Turismo de A Guarda atendeu a máis de 6.300 persoas nos meses de verán  

Máis de 48.000 persoas visitaron o monte Santa Trega 


Un grupo de partIcipantes nas visitas guiadas, atenden ás informacións que lles ofrece o monitor no poboado Mergelina, no monte Santa Trega
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 Dende o 2018 a Oficina Municipal de Turismo de A Guarda forma parte da Rede de Oficinas Info Rías Baixas da Deputación de Pontevedra e unha das melloras foi a ampliación do horario de atención grazas ao financiamento dos seus informadores turísticos.  

 Este ano adiantouse o horario de verán ao mes de maio para ofrecer un mellor servizo. Isto veu motivado polas previsións que indicaban unha forte recuperación dos peregrinos internacionais ao ser Ano Santo e porque os usuarios do Camiño Portugués da Costa teñen un marcado perfil plurinacional grazas ao aeroporto Francisco Sá Carneiro da cidade portuguesa de Porto, e a tranquilidade e beleza desta ruta xacobea, que ao chegar a Caminha, convida a cruzar o río Miño en embarcación, arribando na Pasaxe (Camposancos), no termo municipal de A Guarda. Unha experiencia gratamente inesquecible para todos os camiñantes, pola beleza natural da nosa contorna e as características da nosa vila, seu patrimonio, súa paisaxe costeira, a magnífica gastronomía mariñeira e o encanto dunha urbe acolledora, que convida a deterse e gozar dos praceres da vida sen estar pendentes do reloxo.

 Nos meses de verán, de xuño a setembro, atendéronse a 6.332 visitantes e peregrinos. En canto o perfil da persoa que acude a nosa oficina e principalmente, nacional durante o verán, sendo as comunidades autónomas de Madrid, e Castela-León as principais emisoras de turistas, sobre todo, familias con nenos. Xa comezado setembro o perfil cambia a parellas e, sobre todo, houbo un notable incremento de peregrinos que realizan o camiño en grupo.    

 As consultas máis habituais dos visitantes son qué visitar na vila e nos arredores e a programación de eventos e festas. 

 A Festa da Lagosta en xullo deu comezo a unha intensa programación de verán que se veu reflectida na afluencia de visitantes e na satisfacción do sector do comercio e hostalería.  

 Gran interese tiveron as, xa habituais, visitas guiadas ao castro do monte Santa Trega, que sen dúbida continúan tendo unha excelente acollida. Os visitantes agradecen poder coñecer a importancia arqueolóxica dese importante poboado galaico-romano, ademais de gozar das incomparables vistas panorámicas que o monte ofrece e que sempre quedan no recordo dos visitantes. 

 Este verán realizouse a visita guiada ao poboado castrexo do monte Santa Trega comezando na Casa Forestal, continuando polo barrio de Mergelina e rematando na área escavada polo arqueólogo Calvo xunto as vivendas reconstruídas. 

 A oferta de visitas simplificouse pero ampliáronse os días das visitas, realizándose 6 días á semana - de martes a domingo - en xullo e agosto, e en temporada baixa xuño e setembro as fins de semana. Esta amplía oferta de visitas guiadas permitiu que más 2.786 persoas coñecesen mellor o xacemento arqueolóxico máis visitado do noroeste peninsular, grazas as explicación do guía.  

 Outra actividade que tivo moito interese entre veciños e visitantes foron as saídas de navegación do volanteiro Piueiro e que puxo en marcha a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro coa colaboración do concello. Nas saídas organizadas nos meses de xullo e agosto foron máis de 600 persoas que puideron coñecer unha embarcación tradicional recuperada polos mariñeiros da nosa vila e que dan a coñecer o patrimonio e a esencia mariñeira.  

 Por último, indicar que a Rede de Museos de A Guarda mantivo o seu horario acostumado nos meses de xullo e agosto, con máis de 48.000 persoas rexistradas no acceso ao monte Santa Trega e con máis de 800 persoas no Museo do Mar.  

 A partir do 1 de outubro a Oficina de Turismo muda ao seu horario de outono e estará aberta de luns a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 18:30h.

Ningún comentario:

Publicar un comentario