3 de ago. de 2022

TOMIÑO

O CERTAME DE PINTURA ANTONIO FERNÁNDEZ CUMPRE DEZ ANOS  

Celebrarase o domingo 21 de agosto de forma simultánea nas vilas fronteirizas de Tomiño e Vila Nova de Cerveira  

O evento internacional conta coa colaboración do Concello de Tomiño, da Comunidade de Montes de Goián e da Fundação Bienal de Arte de Cerveira




Infogauda / Tomiño 

 O Certame de Pintura ao aire libre Antonio Fernández chega á súa décima edición. O concurso de pintura ao aire libre, que nos primeiros anos se celebrou só do lado tomiñés, cruzou o río Miño da man da Eurocidade Cerveira-Tomiño, entidade organizadora na actualidade. 

 A cita do décimo aniversario será o domingo 21 de agosto próximo. A inscrición, gratuíta e por rigorosa orde de anotación, estará aberta ata o 19 de agosto (inclusive), a través dos formularios habilitados na páxina web da Eurocidade Cerveira-Tomino. 

 As persoas inscritas deberán presentarse o día do certame entre as 9.30 e 11.30 horas (8.30 e 10.30h de Portugal) na Aula Museo Antonio Fernández, situada a carón da praza de Goián (Tomiño), co obxecto de que a organización sele e numere o soporte das obras. 

 Todas as persoas participantes poderán crear as súas pinturas nos espazos situados na contorna da parroquia de Goián (Tomiño) e Vila Nova de Cerveira (Portugal), conforme ás zonas indicadas no mapa que se entregará. 

 Un ano máis, o tema do certame será calquera paisaxe (que cada participante escolla) do percorrido establecido no plano antes mencionado.  

 O procedemento creativo e a técnica de pintura, porén, serán libres, sempre que a obra se realice in situ, ao aire libre, e inspirada no medio físico natural, non en fotografías, debuxos, etc.   

Premios 

Establécense os seguintes premios: 

Categoría adultos (a partir de 18 anos):     

• 1º Premio: 1.500 euros.     

• 2º Premio: 500 euros.     

• 3ª Premio: 500 euros. 

Categoría infantil (ata 11 anos):     

• 1º Premio: Diploma e bono por valor de 50€ para gastar na Bienal de Cerveira.     

• 2º Premio: Diploma e material de debuxo e pintura por valor de 25€.   

Categoría xuvenil (12 a 17 anos):     

• 1º Premio: Diploma e bono por valor de 100€ para gastar na Bienal de Cerveira.     

• 2º Premio: Diploma e material de debuxo e pintura por valor de 50€.

 Na categoría adultos o 1º premio será con cargo ao orzamento do Concello de Tomiño; o 2º premio correrá a cargo da Comunidade de Montes de Goián; e o 3º, a cargo da Fundação Bienal de Arte de Cerveira. Nas categorías infantil e xuvenil os primeiros premios correrán a cargo da Fundação Bienal de Arte de Cerveira e os segundos, do Concello de Tomiño.  

As bases completas poden consultarse na páxina web da Eurocidade Cerveira-Tomiño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario