Tomiño mellora o seu sistema de axudas ás comunidades de augas veciñais
O Concello asinou un convenio coa Asociación COXAPO e coas dúas comunidades de augas que suman máis usuarios: Tomiño - Forcadela e Goián
Infogauda / Tomiño
O Concello
de Tomiño, representado pola súa alcaldesa, Sandra González, asinou 3 convenios
que permitirán que as comunidades de auga veciñais realicen obras de gran
calado destinadas a evitar fugas e a mellorar tanto a captación como a calidade
da auga.
Ao acto
de sinatura asistiron a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o presidente da
Asociación das Traídas de Augas (COXAPO), Juan Joaquín Pousa, Manuel Álvarez, presidente
da Comunidade de Usuarios de Augas Tomiño Forcadela, e o presidente da
Comunidade de Usuarios de Augas de Goián, Alberto Fernández.
O
Concello de Tomiño, amosando un gran compromiso coas traídas veciñais que se
encargan de xestionar un recurso tan importante coma é a auga para o consumo
humano, decidiu mudar o sistema de axudas imperante para optimizar o seu
funcionamento.
Até o de
agora, o montante das subvencións anuais, que ascendían a 50.000€, repartíase
entre as máis de 30 comunidades de augas veciñais, garantindo o mantemento das
mesmas pero deixándoas sen a posibilidade de levar a cabo reparacións de maior
consideración. Por este motivo, o goberno local chegou a un acordo coa
totalidade das traídas, que en asemblea decidiron que o máis eficiente era
apostar anualmente por dúas obras de gran magnitude nas instalacións que
precisasen dunha maior posta a punto.
Grazas á
sinatura deste novo convenio, no presente ano as Comunidades de Usuarios de
Augas Tomiño Forcadela e a de Goián percibirán 30.000€ cada unha. Ambas
destinarán estas axudas principalmente a reparacións nas tubarías e a obras nos
mananciais de captación.
Pola súa
banda, COXAPO, que é unha asociación sen ánimo de lucro que integra 168
comunidades de usuarios de augas de toda Galicia, sendo 28 delas do Concello de
Tomiño, empregará os 20.000€ de subvención para realizar análises das augas, un
servizo que estará a disposición de todas as traídas que o soliciten, e tamén
utilizará esta axuda para o desenvolvemento dunha aplicación informática que
lles permitirá ás comunidades de usuarios de augas controlar telemáticamente o
servizo, asegurando unha adecuada xestión e aproveitamento deste recurso.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González afirma que se trata dun paso moi importante cara optimizar a xestión dun ben tan prezado como é a auga. “En épocas como a que estamos a vivir na actualidade cunha seca que asola practicamente a todo o Estado, este tipo de actuacións cobran aínda máis relevancia, pois permitirán aproveitar ao máximo cada gota, reducindo a perda de auga e tamén mellorarán tanto a captación como a calidade das augas que consumirá unha gran parte da veciñanza de Tomiño”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario