O Programa de Maiores da Universidade de Vigo chega ao Rosal
O Centro Social Polivalente acollerá seis seminarios de balde para maiores de 55 anos centrados na arte e na historia, na tecnoloxía e na saúde e benestar
As charlas serán do 31 de agosto ao 15 de setembro
Infogauda / O Rosal
A
actividade do Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo sae das
aulas para achegarse ao colectivo sénior do Rosal e do Baixo Miño, promovendo
por uns días a formación entre as persoas de máis de 55 anos. “Nunca é tarde
para formarse. É moi importante facilitar ás persoas adultas o seu
desenvolvemento persoal e social e promover a ciencia e a cultura entre elas,
teñan titulación universitaria ou non”, explica a alcaldesa do Rosal, Ánxela
Fernández Callís, que nos vindeiros días asinará un convenio de colaboración
coa universidade viguesa para o desenvolvemento destas actividades.
En
total serán seis seminarios divididos en tres temáticas diferentes que se
impartirán de balde e con acceso libre no Centro Social Polivalente entre o 31
de agosto e o 15 de setembro. Así, a profesora Elisa Pereira García será a
encargada de achegar ás persoas asistentes ao mundo da arte e da historia cunha
sesión divulgativa sobre o patrimonio do concello rosaleiro o mércores 31 de
agosto de 16.30 a 18.30 horas que rematará cunha visita aos petróglifos do
Ghorghalado e á capela da Madalena o xoves 1 de setembro de 16.30 a 19.30
horas.
O
seminario relacionado coa tecnoloxía e o uso de ferramentas no teléfono móbil
será impartido polas docentes da Escola de Enxeñería Industrial de Vigo María
Rodríguez Damián e Amparo Rodríguez Damián. O mércores 7 de setembro (de 16.30
a 19.00 h) traballarán con todas e todos os asistentes de forma
teórico-práctica sobre a configuración básica do teléfono móbil, o uso de WhatsApp, as videochamadas, as lecturas de códigos QR e as aplicacións de banca
electrónica e pago. Ao día seguinte, a sesión centrarase en outras aplicacións
como os calendarios de vacinación e medicacións, a petición de citas médicas, a
localización de persoas. Este seminario impartirase de 16.30 a 19.00 horas.
O
programa rematará a súa visita ao Rosal cun seminario sobre saúde e benestar no
que José Luis García Soidán, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e
do Deporte, falará sobre a contorna natural e a alimentación o mércores 14 de
setembro de 16.30 a 18.30 h. O colofón final será unha ruta cardio-saudable o
xoves 15 de setembro de 16.30 a 19.30 horas dende a bodega Lagar de Cervera, en
Fornelos.
O
obxectivo desta iniciativa é “achegar a Universidade e os seus estudos tamén ás
persoas maiores que viven no rural e que non puideron acceder no seu día á
universidades ou xente que si o fixo pero que quere aprender cousas novas ou
reciclarse”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario