Éxito de participación na última edición das Rutas de Artes e Oficios
Case 50 persoas acudiron á visita á Fundición ArteBronce para coñecer o traballo de Cuqui Piñeiro
Infogauda / Tomiño
Tomiño é
terra de artistas, pintores, escultores, ceramistas, viveiristas... e unha
longa lista de profesións que enriquecen e impulsan a actividade económica da
contorna. Co obxectivo de poñer en valor as actividades que levan a cabo as
empresas tomiñesas, o Concello organiza, dende 2017, as Rutas de Artes e
Oficios: unha serie de visitas guiadas e de balde, a diferentes compañías da
vila co fin de promocionar a propia riqueza cultural e patrimonial.
Un
programa consolidado, que non se detivo durante a pandemia, e que neste verán
de 2022 desfrutou, como era de agardar, dunha grande acollida entre a
veciñanza. A última das rutas foi a que
máis espertou a curiosidade da veciñanza. Case 50 persoas acudiron á visita á
Fundición ArteBronce, unha entidade que dirixe a artista Cuqui Piñeiro. Filla
do recoñecido escultor Xoán Piñeiro, esta goianesa decidiu seguir a tradición
familiar e foi ela en persoa quen explicou, en profundidade en con moita
dedicación, o proceso de fundición do bronce, cales son as pezas máis
importantes e representativas da súa traxectoria, falou tamén da evolución do
obradoiro ao longo dos anos e o público tivo a oportunidade única de descubrir,
das súas mans expertas, os segredos que esconde a técnica a cera perdida.
A
primeira das visitas foi un percorrido de hora e media polos Viveiros Casaíta,
onde preto de 20 persoas tiveron a oportunidade de coñecer in situ como
traballan, cales son os procesos de produción, as súas variedades máis
importantes e mesmo algunhas especies centenarias.
Outra das rutas contou coa
participación dun dos responsables da asociación cultural Muíños do Porto de
Vilameán, que expuxo polo miúdo o proceso de restauración dun dos principais
elementos do patrimonio cultural, etnográfico e cultural da contorna. Ademais,
a ruta consistiu nun percorrido polos 5 muíños que quedan na actualidade, e no
interior dunha das estruturas as 20 persoas asistentes aprenderon como se realizaba
a moenda, cales son as partes máis importantes dun muíño ou que experiencias
gardan os muiñeiros na súa memoria.
Tamén estaba programada unha
visita ao obradoiro de Leandro Alonso, pero finalmente e por causas alleas á
organización, tivo que ser cancelada. A previsión é que, a vindeira edición das
Rutas e Artes e Oficios inclúa de novo a visita ao lugar de traballo dun dos
ceramistas máis recoñecidos do Baixo Miño, e que máis veciñas e vecinos poidan
coñecer e apreciar o seu bo facer.

Ningún comentario:
Publicar un comentario