O Rosal Cámara Fest e Memoria Viva chegan este mércores a Tabagón
Este mércores 17 de agosto a praza do Maio de Tabagón acolle o concerto da BIG BAND AMDOR e a proxección do documental sobre Carmen Piedra
Infogauda / O Rosal
Este
mércores pola tarde volven as propostas músico-culturais ao Concello do Rosal.
Nesta ocasión, a cita será na praza do Maio de Tabagón. O plan comezará cunha ruta
guiada pola contorna na que se falará de patrimonio histórico-artístico, de artes
populares e de tradición musical, pero tamén doutros temas de interese como
algunhas artes de pesca ou mesmo a arte de saber subsistir á beira do Miño en
tempos ben duros.
Para
participar no percorrido é necesaria incrición. Pódese formalizar por WhatsApp
no teléfono 677 78 32 96 ou enviando un correo electrónico ao enderezo: patri@amodoturismo.com.
E,
despois do paseo guiado, as persoas asistentes poderán vibrar ao son da Big
Band da Agrupación Musical do Rosal no concerto que ofrecerán a partires das
21.00h.
E ás
22.00h, os veciños e veciñas que se acheguen á praza do Maio de Tabagón, poderán
visionar o documental de Carmen Piedra, pertencente á segunda edición de Memoria
Viva, un proxecto que naceu co obxectivo firme de atesourar e conservar as
lembranzas que contan a historia do Rosal, que non aparecen nos libros, e que
as persoas maiores gardan con moito agarimo.
Esta
peza audiovisual ofrece a visión de Carmen Piedra, unha muller de 89 anos,
vinculada á música dende o berce, xa que o seu pai, Pablo Piedra, foi impulsor
e director dende 1925 da banda de música de Tabagón, xermolo da música no
Rosal. Divertida narradora de historias propias e con moito respecto das e dos
que xa non están, Carmen deixa a súa pegada para a historia a través deste
documental, amosando con valentía o que ocorría noutros tempos na Ribeira do
Rosal.
Xa
contra a fin de semana, terá lugar a celebración do XXXI FESTIVAL DE MÚSICOS
XOVES no marco do III Rosal Cámara Fest. O sábado o Colexio da Mata acollerá, a
partir das 20.30h, as actuacións da Banda de Música Popular de Rubiós, a Unión
Musical de Valladares, e a Agrupación Musical do Rosal. E o domingo a cita é na
igrexa de Santa Mariña a partires das 20.00h, cos concertos da Coral Polifónica
San Mamede (Zámans), a Coral Diapasón (Ferrol) e a encargada de poñerlle o
broche de ouro ao Festival será a Coral da Agrupación Musical do Rosal.
A
alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, convida “a todos os veciños e
veciñas do Rosal a que participen nestas propostas culturais que, nesta
ocasión, supoñen unha oportunidade única de coñecer Tabagón a través da súa
arte e da súa historia”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario