O Rosal axuda ás comunidades a mellorar as Traídas de Augas Veciñais
As comunidades percibiron ata 5.000 euros por traída procedentes dos fondos municipais para financiar investimentos nas súas instalacións
Ademais destas axudas, o Concello tamén está a levar a cabo análises anuais para coñecer o estado das augas
Infogauda / O Rosal
En
2021, o Concello aprobou unha liña de axudas ás traídas de auga veciñais para
financiar ata o 80 % do orzamento presentado co obxectivo de mellorar as súas
instalacións, sendo a cantidade máxima a recibir por traída 5.000 euros.
O
obxecto destas subvencións comprendía a adquisición de materiais ou
equipamentos, investimentos para mellorar as instalacións dos sistemas de
captación de augas (fontes, pozos…), sistemas de almacenamento e potabilización
(depósitos e o seu entorno, filtración ou decantación), e sistemas de
distribución (extensión ou mellora nas redes de distribución).
Tras
as presentación dos proxectos polas diferentes comunidades de augas, tivo lugar
unha valoración e unha puntuación e procedeuse ao reparto do crédito. Deste xeito, Marzán, que
recibiu unha subvención de 5.000 euros, empregou os cartos para a colocación,
dentro do caseto de chaves, dunha placa de suplemento do depósito onde poder
colocar un decantador e instalar o sistema de cloración no punto de entrada de
auga ao depósito cumprindo así coa normativa vixente.
A axuda á Comunidade de Fornelos foi tamén de 5.000 euros, e
empregárona para a renovación de parte da rede de distribución con novas tubaxes
para evitar as roturas constantes que tiñan nas vellas e evitar así o
consecuente gasto en arranxos e a perda de miles de litros de augas.
En Tabagón, os case 4.900 euros recibidos foron empregados para a
substitución dun tramo de tubaxes deterioradas que provocaban constantes
roturas. A subvención empregouse tamén para a creación de novas conexións entre
diferentes puntos da rede de abastecemento para nivelar a tubaxe e evitar o
desnivel existente entre diferentes puntos de subministro coa consecuente perda
de presión da auga.
Na Videira, que percibiu algo máis de 4.300 euros, os investimentos
foron para a substitución das tapas existentes nas captacións por outras de
aceiro inoxidable con premarco para selar as arquetas e evitar filtracións
garantindo o selo sanitario. Procedeuse tamén á instalación dun sistema de
comunicación para o control de calidade e de enchido do depósito en continuo.
Isto permite que cando o depósito estea cheo, deixe de entrar auga, evitando o
gasto innecesario de consumibles para a desinfección da auga e facendo un uso
sustentábel dos recursos hídricos, permitindo que o exceso de auga non
consumida volva á súa orixe.
Por último, Pancenteo aproveitou a súa axuda, de preto de 790 euros,
para realizar o lavado e pintado do depósito de auga, minimizando así o impacto
visual do mesmo na contorna.
Esta liña de subvencións supuxo un paso máis no compromiso do goberno municipal coas traídas de augas veciñais. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, sinala que, ademais das axudas económicas “o Concello está a financiar as análises de potabilidade obrigatorias en fontes e pozos e ofrece soporte levar a cabo reparacións urxentes do día a día". Ademais, a rexedora quere “agradecer aos veciños e veciñas a súa implicación, pois xogan un papel moi importante na corresponsabilidade e xestión dun ben básico como é a auga, polo tanto, o Concello seguirá colaborando con eles en todo o que precisen”. De feito, despois dun primeiro ano de traballo conxunto que tanto Fernández Callís como a veciñanza valoran positivamente, o Concello prevé o lanzamento dunha nova liña de axudas ás traídas veciñais no vindeiro mes de setembro.


Ningún comentario:
Publicar un comentario