5 de ago. de 2022

LÍNGUA

O embaixador da lingua galega en Xapón, Takekazu Asaka, presenta tres obras clásicas da nosa literatura en xaponés-galego co apoio da Xunta  

Como lingüista, investigador e ensaísta apaixonado por Galicia elaborou a versión bilingüe en xaponés e galego de ‘A rosa de cen follas’ e ‘As Romaxes da Franqueira’, ambas de Ramón Cabanillas, e unha Introdución ás ‘Cantigas de Santa María’ de Afonso


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e Takekazu Asaka, presentaron hoxe tres das súas obras bilingües en xaponés-galego

Foto. X.G.


Infogauda / Santiago de Compostela

 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e Takekazu Asaka, traductor do galego ao xaponés e embaixador da lingua en Xapón, presentaron hoxe tres das súas obras bilingües en xaponés-galego: a segunda edición de A rosa de cen follas. Brevario dun amor, en libro e en versión CD musical, e As Romaxes da Franqueira, ambas de Ramón Cabanillas, e unha Introdución ás Cantigas de Santa María, de Afonso X O Sabio. 

 O representante da Xunta de Galicia manifestou a súa satisfacción por “esta gran proxección literaria da lingua e cultura galegas tan lonxe das nosas fronteiras” e o agradecemento a Takekazu Asaka “por facer apreciar e pór en valor o galego ao redor do mundo”. 

 Nesta presentación, celebrada no Pazo de San Roque, acompañáronos o crítico literario Armando Requeixo, quen conduciu o acto, Francisco Fernández, profesor e académico da lingua galega, e Ramón Lorenzo, profesor e investigador do Instituto da Lingua Galega (ILG). 

 Takekazu (alcumado Takiño en Galicia) tráenos así varias das súas novas creacións que, xunto ao patrocinio da Xunta de Galicia, elaborou antes e durante o confinamento para unir e achegar a cultura galega á xaponesa. A segunda edición da tradución de A rosa de cen follas, a primeira en versión xaponesa e que conta cun limiar de Francisco Fernández Rei, foi toda unha tarefa para el debido “á lingua de Cabanillas de principios do século XX e os seus dialectalismos cambadeses, con complexas metáforas e polimorfismo”, explica Asaka. Esta trátase dunha edición aumentada, na que engade o seu descubrimento da rima derradeira. 

 O CD musical en homenaxe a esta obra conta con catro cancións de Ramón Cabanillas: Era un piniño o novo, Aureana do SilO Rei tiña unha fillaCorazón-Volvoreta e unha de Rosalía de Castro, Mayo Longo de Follas Novas. Todas elas interpretadas pola soprano Miho Haga e a pinaista Rika Nishikawa. 

 Para a redacción de As Romaxes da Franqueira, partiu da edición de 1927 para engadirlle un vocabulario galego-xaponés co léxico dos poemas de 300 entradas. Conta co prólogo, tamén, de Francisco Fernández Rei. 

 Introdución ás Cantigas de Santa María é unha escolma de sete representativas composicións deste cancioneiro mariano, sendo a primeira monografía que recolle cantigas marianas e as traslada ao xaponés. No limiar Ramón Lorenzo contextualiza a obra. 

Numerosas traducións do galego ao xaponés

 Takekazu Asaka é un lingüista nado en Toquio (Xapón, 1952) e desde 1988 exerce como docente de Filoloxía Románica na Universidade Tsudajuku de Toquio. 

 En 1978 descobre a existencia da lingua galega a través das páxinas do seminario A Nosa Terra. A relación epistolar con figuras da cultura galega como Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, xunto co coñecemento desta literatura, axudárono a indagar na personalidade sociocultural de Galicia. En 1985 dotorouse cunha tese de lingüística comparada onde o galego moderno foi un dos idiomas investigados. 

 Como ensaísta e investigador, conta cunha dilatada traxectoria galicianista que o levou a escribir volumes referenciais para a aprendizaxe do galego en Xapón, tales como a Gramática do galego moderno (1993), a Guía de conversación en galego (1994), o Vocabulario básico da lingua galega (1995), o manual As linguas de España e Portugal (2005) ou a Nova gramática galega (2015), que xa vai pola súa segunda edición. 

 Especial relevancia ten o seu labor como tradutor de figuras singulares da literatura galega ao idioma xaponés, dedicación cuxo froito son as versións xaponesas dos Cantares galegos (2009) e os Contos da miña terra (2014), de Rosalía de Castro; a Cantata a Ramón Cabanillas (2013), a súa Xograr Martín Codax (2015) ou Vos Eidos (2017), de Novoneyra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario