17 de ago. de 2022

A GUARDA

O PSdeG reclámalle á Xunta que revirta os recortes de profesores do IES A Sangriña 

A viceportavoz parlamentaria Leticia Gallego denunciou que “o goberno de Rueda está contra a educación pública”  


A viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Leticia Gallego Sanromán, nun momento da reunión no Concello de A Guarda, co alcalde Antonio Lomba Baz, a concelleira de Educación Fátima Rodríguez Marcos, e o director do instituto IES A Sangriña, Carlos Alonso Rey

Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda 

 A viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Leticia Gallego Sanromán, denunciou os recortes de docentes do goberno de Alfonso Rueda, o cal sinala que está contra a educación pública. Incidiu na necesidade de reverter esta política para garantir o dereito dos alumnos a unha ensinanza de calidade e na desigualdade social que isto xera.  

 A deputada socialista mantivo hoxe unha reunión co alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, a concelleira de Educación, Fátima Rodríguez Marcos, e  o director do instituto IES A Sangriña, Carlos Alonso Rey. O motivo da mesma é que neste centro a Xunta recortou seis profesores o curso pasado e sete para o que vai comezar, facendo un total de trece docentes menos en dous cursos. Isto motivou a dimisión conxunta da directiva en sinal de protesta e impotencia.  

 A política de recortes en educación levou a este instituto público a un “punto límite”, xerando un gran malestar entre o persoal docente, que ten unhas ratios de ata 180 alumnos por docente e 30 alumnos por aula. Nestas condicións resulta “imposible” para os profesores ensinar ao alumnado con eficacia.   

 Para Gallego esta é unha mostra máis do “nulo interese do PP” pola educación pública, xa que non lles importa levar a unha “situación límite” aos centros educativos con tal de “cadrar as contas ou beneficiar á privada”. Sinalou que o sistema de educación pública é o garante da igualdade e motor da mobilidade social, e que está sendo desmantelado polo goberno de Rueda, que “mantén a herdanza de Feijóo” en canto á política na educación e na sanidade.   

 Resulta esencial, para a deputada socialista, que os rapaces e rapazas de A Guarda teñan acceso a unha ensinanza de calidade, facendo necesario fincapé nos alumnos con necesidades especiais que precisan de máis docentes para unha atención máis personalizada.  

 O aumento dos alumnos dos que se ten que facer cargo cada profesor “desvirtúa a lóxica do sistema educativo”, onde atendendo e coñecendo a cada alumno, o docente poida sacar o máximo potencial de cada un deles. Estando cunha media de 30 rapaces por aula, “resulta inviable” que se desenvolvan as súas competencias. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario