7 de xul. de 2022

O ROSAL

Días de cine no Rosal  

Asociación Ghorghalado e Concello organizan as II Xornadas de Cinema  os días 28, 29 e 30 de xullo na Abadía das Eiras


A alcaldesa do Rosal e dúas representantes da asociación Ghorghalado Cultura e Patrimonio, na presentación da segunda edición das Xornadas de Cinema do Rosal

Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 Este mes de xullo O Rosal vivirá días de cine. A asociación Ghorghalado Cultura e Patrimonio organiza en colaboración co Concello a segunda edición das Xornadas de Cinema do Rosal, unha cita coa que se procura achegar ao público rosaleiro a unha oferta cinematográfica difícil de atopar nos circuítos habituais.

 As xornadas chegarán os días 28, 29 e 30 de xullo aos xardíns da casa rural Abadía das Eiras cunha selección de curtametraxes e documentais que satisfarán aos espectadores e espectadoras máis esixentes no que “se prioriza a calidade e a mensaxe sobre a novidade, tratando de combinar os contidos coa diversión”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

 Como novidade, nesta segunda edición das xornadas celebrarase o 1º Certame de Vídeoclips Xuvenís. Ao inicio do primeiro día, o xoves 28, proxectarase unha selección dos traballos presentados e entregarase un diploma acreditativo ás súas autoras e autores. Tras estes videoclips o público poderá desfrutar de cinco curtas e un documental: ‘Siempre a mano’, ‘Las muelas del cuco’, ‘Momentos’, ‘La inquilina’, ‘A última noite co Tonio’ e ‘Patrimonio habitado’, unha viaxe polo patrimonio da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés na procura de relatos en primeira persoa de formas de vida, oficios e festexos.

 O venres 29 será de novo a quenda das curtas, coa proxección das pezas ‘¿Viejos?’, ‘O que queda’, ‘Dúas opcións’, ‘Casa bonita’, ‘Mama’ e ‘Fantasmas’. A xornada rematará co documental galego ‘Afranio’, na que o actor Luis Tosar encarna ao siñor Afranio nunha peza baseada na obra autobiográfica do mesmo nome de Antón Alonso Ríos.

 As xornadas rematarán o sábado 30 de xullo coa proxección de catro curtas seleccionadas (‘Fils Trencats’, ‘Cocodrilo’, ‘Casa bonita’ e ‘Lurna’) e do documental galego ‘Negro púrpura’, un retrato da Galicia do século XX a través dun fungo alucinóxeno que agroma nos cereais e que abre as portas a unha historia tan curiosa, sorprendente e descoñecida como importante no devir da na cultura e na economía da época.

 As proxeccións das xornadas son con entrada de balde e ao aire libre, polo que serán a partir das 22.00 horas. Pódese atopar máis información na páxina web das xornadas. A alcaldesa convida a todos os rosaleiros e rosaleiras a desfrutar destas noites de cine e agradece “todo o traballo desenvolvido pola asociación Ghorghalado para traer a cultura dun xeito diferente e ameno ao noso concello e á casa rural da Abadía de Eiras pola disposición e facer posible a celebración das xornadas neste fermoso espazo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario