21 de xuño de 2022

A GUARDA

A Guarda programa “Miúdo Verán”, actividades para os máis pequenos da casa  

Que terán lugar entre o 7 de xullo e o 11 de agosto




Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda, a través da concellería de Cultura, programa “Miúdo Verán”, con actividades que terán lugar entre o 7 de xullo e o 11 de agosto, pensadas para os máis pequenos da casa e que contan con cinema, maxia, danza, humor, música e moito máis. 

 A programación de actividades de “Miúdo Verán” arrancará na praza do Reló, o xoves día 7 de xullo ás 22:30h, coa proxección da película infantil de animación “El Principito”, .  

 Nesta sesión de cinema de rúa, unha nena pequena vive nun mundo de adultos xunto a súa nai, quen intenta preparala para a dura realidade, esperando que a súa filla creza rápido. Pero, grazas ao excéntrico e amable aviador que ten como veciño, a xoven descubrirá que existe outro mundo onde todo é posible. Así, escoitará fascinada as interesantes historias sobre o Principiño, á vez que comprende a importancia de prestar atención as cousas realmente importantes.  

 * En caso de choiva cambiaría de data a comunicar nos días previos  

 Para continuar coa programación de “Miúdo Verán”, o auditorio de San Benito acollerá o xoves día 14 de xullo ás 20:30h  o espectáculo de danza e humor “Sofá”.  

 Nesta actividade dirixida a todos os públicos atoparemos a unha parella e o seu sofá. A parella son Marta e Pablo, dúas persoas normais. O sofá é o lugar no que descansan e esquecen o que está fóra. O mundo: traballo mal remunerado, guerra, ameazas nucleares, catástrofes ecolóxicas, virus asasinos invisibles, normas arbitrarias, pobreza, esgotamento. Pablo e Marta están enfermos. Enfermos de cansazo e aburrimento. Pero téñense a unha ó outro, teñen un sofá, e saben bailar. Non todo está perdido. 

* En caso de choiva cambiaría de data a comunicar nos días previos.  

 Para o xoves día 21 de xullo ás 22:30h na praza do Reló, cinema de rúa coa proxección da película infantil de animación "Bella y el circo mágico".  

 Bella está a organizar un circo para o seu mellor amigo, Henry. Está moi emocionada e espera ser a atracción principal cun fantástico truco de maxia. Pero o mesmo día do circo, un mozo molón, se muda á veciñanza. Ten unha idea espléndida para o espectáculo: quere facer un truco en bicicleta. Henry está asombrado polo mozo novo, mentres que ela sente que está a perder ao seu mellor amigo. Non pode soportalo máis e obriga a Henry a elixir entre o novo mozo ou ela. Henry non quere magoar a ninguén, sae correndo e desaparece. É cando ela ten que ir buscar ao seu inimigo, para que lle axude a atopar a Henry. Ten que salvar o circo, pero sobre todo a súa amizade. 

 * En caso de choiva cambiaría de data a comunicar nos días previos  

 O xoves día 28 de xullo, ás 20:30h na praza do Reló. chega a música a “Miúdo Verán” co concerto de Pakolas “Rockeando con Ramona Órbita, a dona do tempo”.  

 En “Rockeando con Ramona Órbita, a dona do tempo” Pakolas preséntanos o seu último libro disco, editado en Sonárbore, na Editorial Galaxia (Agosto, 2020). 

 Neste novo traballo contaremos e cantaremos a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega da Serra do Courel, que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas, e ademais ten unha máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas. 

*En caso de choiva o evento realizarase no Centro Cultural.  

 Xa no mes de agosto, o xoves día 4 ás 20:30h no auditorio de San Bieito "Carman", un espectáculo de humor, malabares, equilibrio e clown.  

 “Carman” de Javier Ariza, é unha comedia de rúa para un excéntrico showman e un Seat 600, un divertido espectáculo para todos os públicos no que un coche icónico cobra vida e terminará por moverse sen condutor nunha rutina musical e circense que pode levarlles incluso a eurovisión. 

* En caso de choiva cambiaría de data a comunicar nos días previos  

 O xoves 11 de agosto ás 20:30h o auditorio de San Bieito acollerá o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia “Galicia Ilusiona”, un espectáculo de maxia para público familiar e amantes da maxia e ilusionismo.  

 Galicia Ilusiona é un Festival de Ilusionismo que pretende levar maxia e ilusión por toda Galicia entre os meses de agosto a outubro. 

 O Festival preve á realización de espectáculos de gran calidade para todos os públicos que se levarán a cabo en máis de 100 concellos repartidos polas 4 provincias galegas.  

* En caso de choiva o espectáculo trasladaríase ao Centro Cultural.  

 A asistencia aos eventos de “Miúdo Verán” é de balde ate completar o aforo dispoñible en cada caso. A alternativa no posible caso de choiva comunicarase nos días previos a cada evento.  

 O Concello de A Guarda convida a toda a veciñanza, especialmente aos máis cativos, a gozar desta programación especialmente dedicada para eles. 

 A programación da axenda de verán 2022 será comunicada nos vindeiros días. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario