10 de maio de 2022

TOMIÑO

VISITA DE JORGE MIRA AO IES ANTÓN ALONSO RÍOS 


Jorge Mira, catedrático de electromagnetismo da Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela, investigador e divulgador

Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O mércores, día 11 de maio, Jorge Mira, catedrático de electromagnetismo da Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela, investigador e divulgador, ten previsto unha visita ao IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, para impartir unha charla na que participarán os alumnos de 1º Bacharelato A e 1º Bacharelato B sobre a historia de como o ser humano foi descubrindo as dimensións do universo, dende a época grega ata actualidade. 

 A charla inspírase no seu libro: “A que altura está o ceo?”, Premio español “Ciencia en acción” de didáctica da ciencia en 2017 e será retransmitida vía videoconferencia a todos os alumnos do instituto que se poidan conectar. Posteriormente, dúas alumnas de segundo da ESO faranlle unha entrevista na radio do instituto, que neste día estará dirixida por dous alumnos de primeiro do ciclo medio de Instalacións de Telecomunicacións. Finalizará a súa estadía facendo unha visita aos talleres de FP básica de Electricidade/Electrónica e de ciclo medio de Instalacións de Telecomunicacións. 

 Esta actividade é realizada polo Departamento de Electrónica, e colaboraron os Departamentos de: Biblioteca, Física e Química, e Galego. 

JORGE MIRA 

 Jorge Mira Pérez é Catedrático de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. 

 A súa investigación abrangue multitude de áreas, dende a ciencia de materiais (na que ten traballos en colaboración co Premio Nobel John B. Goodenough) ata a física matemática, a análise de sistemas sociais, xeografía, medicina ou diferentes ramas da enxeñaría. Polo seu labor investigador ten recibido recoñecementos como o de finalista do premio ao físico español xoven; o premio de investigación da Real Academia Galega de Ciencias o Premio da Crítica de Galicia ou o premio do Colegio Oficial de Físicos de España. 

 En 2016 foi elixido académico correspondente da Real Academia Galega da lingua; en 2018 nomeado membro da comisión de expertos para a reforma da hora oficial polo Goberno de España; e en 2020 foi un dos 4 expertos da Xunta de Galicia para o cálculo da expansión da primeira onda da Covid19. 

 Desempeña tamén actividades de divulgación científica dende finais dos anos 90, cun perfil coñecido por diferentes programas de televisión e radio, e a súa colaboración en medios de comunicación escrita e outras actividades. Tamén é o creador do programa ConCiencia, de visitas de Premios Nobel a Galicia. Pola súa traxectoria como divulgador ten recibido múltiples recoñecementos a nivel autonómico e español. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario