22 de maio de 2022

O ROSAL

O Concello do Rosal esixe á Xunta de Galicia tomar medidas que impidan que o sucedido o venres no Centro de Saúde do Rosal volva ocorrer  

A única médica que atendía o centro de saúde tivo que acompañar a un paciente e na súa ausencia asistiu outra persoa con necesidade de atención médica urxente   


Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 O pasado venres pola mañá a única médica que atendía o Centro de Saúde do Rosal tivo que desprazarse acompañando na ambulancia a un paciente ao Hospital Álvaro Cunqueiro. Na súa ausencia presentouse unha segunda persoa con necesidade de atención médica de urxencias. Tivo que ser atendida pola facultativa xubilada, non contratada para atender este tipo de situacións. Ademais, a falta de ambulancia obrigou ao servizo de emerxencias 061 a enviar un helicóptero para desprazar a esta persoa ata o hospital. O helicóptero aterrou nun aparcadoiro municipal a 230 metros do Centro de Saúde, e o paciente tivo que ser levado ata o helicóptero en padiola.  

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, visitará o luns o Centro de Saúde para falar co persoal sobre o acontecido. “Isto é algo moi grave. Dende o Concello do Rosal, dende a Plataforma pola Sanidade Pública do Rosal e tamén dende a Mancomunidade do Baixo Miño levamos moitos meses manifestándonos e reclamando ao goberno da Xunta de Galicia e ao SERGAS que cumpran coa súa obriga e doten aos centros de saúde do Baixo Miño do persoal sanitario e dos medios precisos para atender con garantía e seguridade ás persoas que vivimos na comarca. Non se pode ter a unha única médica atendendo todo un centro de saúde nun municipio cunha poboación de 6450 persoas, porque isto supón poñer en risco a vida das veciñas e veciños”, sinala a alcaldesa.  

 Dende o Concello do Rosal adiantan que tomarán as medidas que consideren apropiadas seguir esixíndolle á Xunta que dunha vez por todas dote aos servizos de atención do persoal e dos medios precisos, antes de que suceda unha traxedia. “Non facelo é xogar coa vida e coa saúde de todas e todos nós”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario